VOTACIóN TELEMáTICA CUNHA PARTICIPACIóN DO 72,8% DO CENSO

As persoas inscritas na Marea Galega rexeitan a fusión coa Iniciativa pola Unión

A consulta concluíu esta terza feira ás 12 horas. Segundo soubo Sermos, os resultados foron os seguintes: 239 votos a prol da "cooperación práctica" coa Iniciativa pola Unión, e 183 votos a prol de ir á fusión -a criación dunha soa organización- con este outro colectivo cidadá. A participación foi do 72,8% do censo.

MArea galega
photo_camera Imaxe dunha asemblea da Marea Galega


Non haberá unidade das plataformas cívicas que perseguen a criación dunha candidatura galega para as eleccións xerais de decembro. Isto é o que se tira do referendo internético realizado polo Encontro Cidadán da Marea Galega durante estes últimos días, consulta que concluíu esta terza feira por volta das 12 horas.

Segundo as fontes consultadas por Sermos, o número de persoas con direito a voto nesta consulta era de 579.

Con este referendo ponse ponto final á hipótese dunha converxencia entre dous colectivos que en teoría din perseguir os mesmos obxectivos, mais que, á vista está, teñen diferente sensibilidade á hora de defender unha proposta concreta de concorrencia para as eleccións xerais. Dous elementos permiten ilustrar isto. Primeiro, a énfase posta na necesidade de que a candidatura dea lugar á criación dun grupo parlamentar soberano e non dependente de ningunha formación estatal, moito maior no caso de Iniciativa pola Unión, moito máis laxa na Marea Galega. Segundo, a postura face o pre-acordo de Anova-Podemos-EU, descualificada como pacto cupular por parte da Iniciativa pola Unión e nen sequer valorada polo Encontro Cidadán.

Dúas opcións

Dúas foron as opcións que nesta consulta telemática se submeteron á consideración das persoas inscritas no Encontro Cidadán da Marea Galega.

A primeira tiña o respaldo explícito da Coordenadora do Encontro Cidadán e rezaba así: "A cooperación práctica en prol da maior confluencia posíbel conforme ao recollido no documento de resposta da Coordenadora do Encontro Cidadán por unha Marea Galega do 17 de setembro".

Tiñan dereito a votar 579 persoas, fixérono 422, o 72,8%

Esta opción recebeu 239 votos a favor, 41 en contra e 17 abstencións.

A segunda opción era a proposta que lle formulaba á Marea Galega a Iniciativa pola Unión, redixida nestes termos: "A integración-fusión inmediata nunha soa organización, na liña que se describe no documento remitido pola Coordenadora de Iniciativa pola Unión o 14 de setembro".

Esta opción recebeu 183 votos a favor, 47 en contra e 9 abstencións.

Comentarios