xoves 05/08/21

As perrenchas de Xosé Carlos Caneiro contra as redes sociais

Insubornábel na súa condición de espía independente, Cosme Torreiro achou un claro caso de columnista do réxime, feijoniano, claro, e contrario ao que maioritariamente flúe nas redes sociais, of course.

kiosokostgo


Outro claro caso de rancor. Porque as súas ansias de protagonismo nunca son correspondidas. E iso non o atura. Nin o perdoa. A súa ilusión era ser o equivalente galego a Sostres ou Losantos, a voz mediática da dereita, querida e odiada a partes iguais, creadora constante de balbordo, mais para a súa desgraza, é un monicreque ao que case ninguén fai caso. E totalmente descoñecido para o gran público, o que tampouco perdoa. Por iso quéixase e insulta, a ver se así.

Sabido é que as redes sociais poden estar cheas de frases odiosas, onde as de carácter españolista e/ou fascista son masivas -aínda que estas non parecen importarlle ao goberno- e resulta que ao noso Xosé Carlos Caneiro -que era a quen antes nos referiamos, a este columnista-oficialista en La Voz e adulador supremo de Feijóo- o que lle gustaría é que esas redes tamén falasen del, dos seus escritos, que o insultaran ou lle aplaudiran, pero que pasara algo. Mais non pasa nada. Os seus pedantes artigos non lle interesan a ninguén. E enfádase. E carga contra todo, coa carraxa de ter fracasado no intento de que todo cargue contra el.

Os seus pedantes artigos non lle interesan a ninguén. E enfádase

Nun último intento desesperado por buscar protagonismo, Caneiro ataca ás redes sociais, á súa peor versión que el xa localizou e filtrou, sabe quen son, un a un. Nun lapsus freudiano, chama “vencedores” aos que máis ruído fan nas redes, para logo desenmascaralos, heroico, ridículo: “Os vencedores nas redes sociais son os que perden nas urnas”. “Sectarios e intransixentes”, cualifica despois aos que el xa sabe quen son, porque ás moitas calidades de Caneiro engádese a da profecía. E anuncia novas perrenchas “o domingo, cando volva gañar o Partido Popular”. Ou sexa, o peor de internet son todo o que non é PP. E nin dicindo esas parvadas lle fan caso nas redes. Pobre Caneiro.

comentarios