O periódico sabonita, contra Galiza Nova

Incansábel, o espía na campaña, o simpar Cosme Torreiro, continúa a rastrexar as páxinas da imprensa sistémica e a ver/ouvir as emisións audiovisuais dos media hexemónicos, eses tan conectados cos poderes financeiros.

quiosque

É vicio, do malintencionado, máis achegado ao dun mafioso que ao dun paisano cheíñas. Non o poden deixar, saben que non é digno, pero teiman. Na mentira. O ABC, sempre desgrazado protagonista nas campañas -e tampouco moito mellor fóra delas- volveu facelo. Na edición de hoxe insisten na falsidade, volven afirmar que o BNG non tivo nin un xesto de solidariedade -que xa de por si é sempre un acto xeneroso, non unha obriga, e menos neste caso- coa líder do PP de León asasinada. Malia estar máis que comprobado que @s nacionalistas suspenderon actos, volven dicir que non. A verdade tanto lles ten. En todo.

Na Voz tamén andan ao ataque. Contra o BNG e, nesta ocasión concreta, contra as súas mocidades. Informan dunha perfomance simbólica que organizou Galiza Nova, na que se lanzaban maletas -representación da condena a emigrar- contra uns debuxos de Feijóo, Rajoy e distintos culpábeis da crise. No periódico sabonita deslizan unha crítica, porque o acto tivo lugar “en plena conmoción polo asasinato dunha alto cargo do PP”. Debe ser iso o único que pasou no mundo. Conmoción polas escandalosas cifras de pobreza e desemprego? Pola corrupción? Polos desafiuzamentos? Pola fame infantil? Nada. Só o de León. O resto pensan que non importa. Que non importamos. E, ademais, lanzar unha maleta contra un debuxo é como matar. O mesmo. Todos terroristas. Mellor anden quietos.

Comentarios