A percepción social desmente o discurso de recuperación económica do PP

O barómetro do CIS reflicte que a sociedade non acredita na melloría económica que defenden os gobernos do Partido Popular. 

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou esta segunda feira (4 de agosto) o seu barómetro de xullo. Neste senso, os resultados deitados polo estudo reflicten que a maior parte da sociedade no Estado español coida "mala" (40,3%) ou "moi mala" (41,2%) a situación económica e sinala que esta continuará "igual" (42,6%) dentro dun ano. 

Os dados coñecidos reflicten que o discurso de recuperación económica difundido desde o Partido Popular non se corresponde coa percepción social. 

Máis do 40% das persoas enquisadas din que a situación económica é mala e que seguirá igual dentro dun ano

Neste senso, segundo as persoas enquisadas polo CIS, as principais preocupacións continúan a ser o desemprego (54,8%), a corrupción e a fraude (15,7%) e os políticos ou a política en xeral (10%), especialmente neste último caso entre as faixas de idade máis novas (18-24 anos) onde esta preocupación se sitúa 9 puntos por enriba da media. 

A respeito da xestión política que o Partido Popular está a facer no conxunto do Estado español, a sociedade tíldaa de "moi mala" (39,8%) ou "mala" (27,2%). 

Eleccións ao Parlamento español

De se produciren unhas eleccións ás Cortes españolas neste momento, a intención de voto directa rexistrada polo CIS reflicte a queda dos apoios ao bipartidismo español e a irrupción de Podemos. O PP recollería só o 12,8% dos votos mentres Podemos se situaría só un punto por debaixo (11,9%) e a algo máis dun por riba do PSOE (10,6). 

A abstención e a bolsa de persoas indecisas continúa a ser maioritaria entre o eleitorado

Izquierda Unida baixaría tamén situándose no 6,2% e forzas como Amaiur (0,6) e o BNG (0,2) manteríanse nos resultados obtidos noutras edicións do barómetro. 

Se cruzamos as variábeis de intención de voto e simpatía para debruzármonos na estimación de voto Podemos converteríase na terceira forza do Parlamento español cun 13,1%, superado por PP (16,1) e PSOE (14,6). Cumpre salientar que a recollida de dados para a elaboración do barómetro se situou antes do cambio na secretaría xeral do PSOE, actualmente en mans de Pedro Sánchez, un feito que podería facer mudar --aínda que levemente-- os resultados desta forza. 

Así as cousas, a maior porcentaxe de intención de voto e voto estimado recae máis unha vez na abstención e na bolsa de persoas indecisas. Asó p 19,2% d@s enquisad@s di que non votaría e o 18,7% que aínda non sabe se o fará ou a quen. Na estimación do voto o 25,4% das persoas enquisadas polo CIS di que non votaría a ningunha das forzas políticas que se presentan ás eleccións. 

Comentarios