mércores 20/01/21

A ‘pegada sonora’ de Alvedro: Miles de bens inmobles na contorna do aeroporto poderían perder valor

O BNG de Culleredo alerta sobre esta consecuencia e urxe á veciñanza a alegar

Aeroporto de Alvedro (Foto: Xoán Roberes).
Aeroporto de Alvedro (Foto: Xoán Roberes).

A ‘pegada sonora’ é unha especie de ‘mapa do ruído’ que mide ese impacto dunha infraestrutura e as súas consecuencias. O BNG de Culleredo informa que Aviación Civil publicou recentemente o documento da delimitación das servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto de Alvedro.

Unha nova delimitación, afirman os nacionalistas, que significa que os usos urbanísticos “quedarán condicionados á actividade aeroportuaria, polo que a cualificación do solo ou o réxime das edificacións actuais quedarán afectados”.

Que consecuencias tería isto? “A mingua de valor dos inmobles chegaría ao 20%, sempre segundo o alcalde de Culleredo, quen citou estudos técnicos sobre os documentos publicados no BOE”, sinalan desde o BNG de Culleredo.

As edificacións existentes actualmente dentro do perímetro seguirán sendo legais, mais "fóra de ordenación", indica o BNG que respondeu o alcalde de Culleredo a unha das súas preguntas no Pleno.

“É  dicir, que cando a vida útil dun inmoble chegue ao seu fin, ese solo xa non terá posibilidades de volver edificarse. Tampouco poderán ser modificadas se ese cambio supón un maior número de persoas afectadas pola delimitación acústica”.

Así, explican os nacionalistas, tendo en conta que a maioría do solo afectado é de uso residencial, “veríanse afectadas perto de 5.000 mil vivendas, das que case 3.000 nin sequera están dentro do plan de insonorización actual, e case 10.000 persoas serían prexudicadas. Os núcleos de poboación máis afectados serían O Burgo, Acea de Ama, Almeiras, Liñares, A Hermida ou Tarrío (Culleredo), Montrove ou Liáns (Oleiros) ou o Graxal (Cambre). En definitiva, un tercio da poboación e do territorio de Culleredo se verían directamente afectados”.

O contido deste documento de pegada sonora  puido preverse no proxecto de Plan Director publicado en 2018, no que se adiantaba que o solo dentro dese perímetro sería "incompatíbel cos novos usos residenciais, asistenciais, educativos ou sanitarios, así como as novas edificacións ou modificacións das existentes que incrementen o número de persoas afectadas".

Existe xa un documento de servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto,  afirma o Bloque, mais só se recoñece “unha pequena parte da afectación que suporía esta nova delimitación, que data de 2007”.

O BNG urxe á veciñanza a alegar, pois o prazo para a presentación das mesmas remata o 28 de decembro.

A ‘pegada sonora’ de Alvedro: Miles de bens inmobles na contorna do aeroporto poderían...
comentarios