Pedro Sánchez traslada a Felipe VI a predisposición a formar goberno

O candidato do PSOE di que falará ”con todas as forzas políticas”, embora sinala que só "tenderá a man" a aquelas forzas que "tela vontade" de manter "a integridade de España".

pedro sanchez felipe VI psoe

O secretario xeral do PSOE trasladou a Felipe VI a disposición a “dar un paso á frente” e tentar formar goberno. Pedro Sánchez afirmou, na comparecencia após o encontro co monarca español, que se ofrecera para “desbloquear a situación”, asumindo a responsabilidade de tentar formar goberno “se Mariano Rajoy renuncia á súa obriga”. O presidente en funcións será recibido por Felipe VI esta mesma tarde. Na xuntanza de hai 10 días, Rajoy declinara o ofrecemento de ser el quen acudise o primeiro a un pleno de investidura.

Sánchez anunciou que, nesa tentativa, “falaremos con todas as forzas, a dereita e esquerda”, pois non é, dixo, “momento de vetos”. O lider dos socialistas descartou un escenario de repetición de eleccións (“non son a solución”) e enfatizou a súa disposición a liderar un “cambio de políticas” e facer “gobernos progresistas, transversais e reformistas”.

Sen independentistas

Sánchez asegurou que non vai ser “un presidente a calquera prezo”, indicando que o PSOE non vai procurar o apoio dos independentistas. “tenderemos a man a quen queira manter a integridade de España”. Si que falará con Podemos, Ciudadanos e mesmo o PP (“representa 7 millóns de españois”).

A preguntas dos xornalistas, o secretario xeral socialista aformou que “fun obxecto de arrogancias por parte de Pablo Iglesias, e os españois reclaman respeto. A pregunta que ten que responder Iglesias é se apoia o cambio liderado polo PSOE ou vai permitir que o PP goberne catro anos máis”.

Mais a disposición do PSOE a formar goberno pende da xuntanza desta tarde de Rajoy con Felipe VI. O lider socialista fai o seu ofrecemento de dar o paso sabendo que desde Podemos (como xa lle indicaron nestes días) non pasan por un goberno no que estea Ciudadanos. O partido de Albert Rivera mantén o mesmo psodicionamento a respeito do de Pablo Iglesias. 

Comentarios