Pedro Sánchez tentará formar goberno e ofrece a Catalunya unha reforma constitucional

O secretario xeral do PSOE asegura que non investirán Rajoy como presidente e reclama para o seu partido a presidencia do Congreso.

Pedro Sánchez_PSOE
photo_camera Pedro Sánchez [Imaxe PSOE]

Pedro Sánchez compareceu esta cuarta feira (23 de decembro) perante os medios de comunicación após o encontro que mantivo na Moncloa co presidente español en funcións, Marino Rajoy. 

O secretario xeral do PSOE asegurou que o seu partido non apoiará "a continuidade do Partido Popular" á fronte do executivo embora, dixo, como partido maioritario ten a posibilidade de procurar apoios para formar goberno. De o conseguir, Sánchez di que o PSOE asumirá o papel de "líder da oposición". Porén, a composición da Cámara baixa após as eleccións do 20 de decembro déixanlle @s populares pouca marxe de manobra. Neste escenario, @s socialistas tamén tentarán facerse co executivo español para, defendeu Sánchez, dar "abertura" a unha "nova etapa política" cun "goberno de cambio", "progresista" e asentado no "diálogo". 

"Non imos aceptar a hipótese de novas eleccións" apuntou facendo referencia a aquelas forzas políticas, no concreto Podemos, que teñen amosado nas últimas horas a súa disposición a unha nova convocatoria electoral. Fronte a iso, Pedro Sánchez ofreceu "tender pontes" e avanzou, explorarán posibilidades de goberno. 

Aliás, reclamou para a súa formación a presidencia do Congreso e asegurou que traballarán para que a composición da Mesa reflicta a "pluralidade" da Cámara, nunha chiscadela a Podemos e Ciudadanos. 

Asemade ofreceu unha "reforma constitucional" para resolver "o conflito" con Catalunya mais baseada na "soberanía nacional" de "todos os españois". 

Comentarios