Pedro Sánchez imponse ao aparato e gaña as primarias fronte Susana Díaz

O ex-secretario xeral do PSOE consegue o respaldo da metade dos votantes no conclave socialista e recupera o liderado do partido, vencendo en todas as federacións agás nos feudos dos seus rivais. Sete de cada dez militantes galegos apoiaron a súa candidatura.

(Foto:PSOE)
photo_camera (Foto:PSOE)

Pedro Sánchez impúxose con claridade nas primarias que o PSOE celebrou este domingo fronte a candidatura do aparato representada por Susana Díaz. Co escrutinio case finalizado, Sánchez sumaba máis do 50% dos votos, máis de 67.000, cunha folgada vantaxe sobre a actual presidenta de Andalucía, que recibiu o 40% dos avais, e moi por riba de Patxi López, cun 10% do total. Unha vitoria que permite o ex-secretario xeral recuperar o liderado do partido desde as bases despois de ser forzado a dimitir pola xestora.

Sánchez tivo o apoio da maioría de federacións, incluídas a dos baróns da formación, entres elas a galega, con sete de cada dez militantes socialistas a favor do seu regreso. Díaz só foi a máis votada na comunidade que goberna, a federación con máis poder, onde o ex-deputado conseguiu porén o respaldo do 30% dos participantes nas primarias. Pola súa banda, López conseguiu gañar a consulta en Euskadi. 

“A quen máis teme máis Rajoy é un PSOE unido”, afirmou Sánchez na súa primeira comparecencia.

O madrileño toma de novo o control dun PSOE dividido, despois de oitos meses apartado da dirección desde a súa saída provocada pola derrota no Comité Federal onde pedía un congreso para dirimir o futuro do partido. Sánchez anunciara a súa intención de recuperar o liderado socialista o mesmo día que renunciou o seu escano no Congreso, contrario á abstención para favorecer a investidura de Mariano Rajoy. Agora volve co apoio maioritario da militancia, nunhas votación que superou o 80% de participación, conseguindo a súa segunda vitoria en tres anos nunhas primarias socialistas.

Sánchez foi recibido ao berro de 'Si es si' na súa primeira comparecencia, cun chamamento á unidade da formación. “A quen máis teme máis Rajoy é un PSOE unido”, afirmou. “Comprométome a ser o secretario xeral de cada un dos afiliados e afiliadas e cumprir co mandato das urnas, facer do PSOE a principal organización de esquerdas”.

As reaccións non tardaron en chegar coa dimisión do portavoz do PSOE no Congreso, Antonio Hernando, cargo que segundo avisara Sánchez deixaría de ocupar no caso de resultar elixido.

“Imos estar á disposición do que o PSOE dispoña de nós e así llo dixen o secretario xeral electo”, dixo Susana Díaz na súa primeira mensaxe, onde evitou referirse a Sánchez. “Agora espéranos a sociedade española para volver a ser a alternativa”, transmitiu pola súa conta López.

Comentarios