Jaime de Olano, cabeza de lista do PP por Lugo

“Pedro Sánchez está a facer moito dano a Galiza”

Jaime Eduardo de Olano (A Coruña, 1970), avogado, ex concelleiro en Viveiro, deputado en Cortes nas últimas catro lexislaturas, membro da Executiva galega do Partido Popular, afronta as eleccións cunha cómoda vantaxe nas enquisas e a súa lista recibe a maior porcentaxe de apoio que calquera outra no país. “O PP nunca perdeu unhas eleccións en Lugo”, lembra.
Jaime de Olano PP LUGO Xerais 10N 2
photo_camera Jaime de Olano, no Congreso. [Imaxe: PP]

Que ton está tendo esta campaña? Que é o que demandan as votantes e os votantes?

O que percibimos na rúa é que hai gañas de que España se poña en marcha. En xeral, a xente está preocupada pola paralización na creación de emprego. E, concretamente en Lugo, moi preocupada pola política industrial do Goberno socialista que puxo en risco a maior empresa da provincia, Alcoa, e provocou o anuncio de feche de Endesa nas Pontes, na que traballa moita xente da Terra Cha.

O PP, tamén na Galiza, pon o foco nas críticas a Pedro Sánchez. Por que esa estratexia?

É lóxico que a campaña se centre nos dous candidatos que teñen posibilidades de presidir o Goberno, que son Pedro Sánchez e Pablo Casado. O resto de candidatos non saen a gañar as eleccións. Aquí o que se dilucida é se vai haber un goberno de Pedro Sánchez ou un goberno de Pablo Casado. E no caso de Galiza, o ano e medio de goberno socialista non trouxo máis que malas noticias: primeiro o susto daqueles orzamentos cun 30% menos de inversión, despois esa negativa a facer efectivas as entregas a conta... desbloqueou unha parte, pero segue debendo 300 millóns de euros; isto é intolerábel. E despois, a política industrial que pon en risco todas as empresas electrointensivas; ou como está deixándose vencer ante a demanda contra a ampliación da licencia de Ence que probabelmente acabará no peche da factoría. Pedro Sánchez está a facer moito dano a Galiza. É lóxico que nos centremos en facer que a xente o vexa.

Desde o PSOE tamén marcan distancias co PP. Dan por descartada a gran coalición da que se falaba ao comezo da campaña?

A gran coalición é inviábel. O mesmo día do arranque de campaña Pedro Sánchez negou esa posibilidade. Mais no PP sempre dicimos que a alternativa para España non pode estar situada nos extremos, con Podemos nun goberno pola esquerda ou con Vox nun goberno pola dereita.

Daquela, a alternativa a Sánchez tampouco pasa por un goberno das tres dereitas: PP con Ciudadanos e Vox?

Se Pablo Casado saca un escano máis que Sánchez, formará goberno. Témolo demostrado. Somos quen de desbloquear situacións complicadas e formando gobernos con Ciudadanos, preferentemente, pero tamén con outras doce forzas políticas. O goberno ten que ser moderado e de centro. Se non ganamos, ficaremos na oposición.

Vox non entrou en ningún goberno do PP. Poderiamos volver pactar con eles, pero sen entrar no Goberno.

Non pactarán con Vox aínda que lles saían as contas?

Vox non entrou en ningún goberno do PP. Alcanzamos acordos para investiduras ou sobre determinadas liñas programáticas. Todos eses acordos son públicos e respectan os principios e os valores do PP. Poderiamos volver pactar con eles, pero sen entrar no Goberno. Xa digo, son acordos asumíbeis por calquera partido que respecte a Constitución e que sexa de centro.

Até que punto a cuestión catalá acapara a atención da campaña?

Acontece en Catalunya unha crise grave da que vimos imaxes nas que unha turba de violentos apedraba ás forzas e corpos de seguridade do Estado, que son as que están na primeira liña de defensa da Constitución e dos dereitos de todos os españois contra estes totalitarios, os independentistas, que agora si mostran a súa verdadeira cara. E Pedro Sánchez está superado polos acontecementos. Non é quen de dar unha resposta. E, lembremos, é presidente non porque o elixiran os españois nas urnas senón porque alcanzou un acordo con Torra, con Puigdemont, con Junqueras, mesmo con Otegi, para chegar ao goberno nunha indecente moción de censura. Toda esta inacción de Pedro Sánchez fai pensar que ten a intención de volver pactar con eles.

Jaime de Olano PP LUGO Xerais 10N 3

Cal é a proposta do PP para Catalunya?

Catalunya necesita firmeza, necesita que se respecten os dereitos de todas e todos. Agora mesmo isto non sucede. Mesmo vimos como o señor Iceta [Miguel Iceta, líder do PSC] obrigou a Pedro Sánchez a incluír no programa socialista o concepto de plurinacionalidade, algo que a Constitución exclúe. A nación é única, a nación é España e o suxeito constituínte é o conxunto do pobo español. Sánchez tragou con isto e non sabemos se a política territorial dun Goberno socialista estaría dirixida polo señor Iceta. O que sabemos é que Pedro Sánchez é refén dos independentistas que o puxeron na Moncloa.

Para o PP, o problema en Catalunya é de orde pública? Non ve un problema político?

Si, é un problema de orde pública, é un problema de que se vulneran os dereitos de millóns de cataláns, é un problema que nas escolas catalás se adoutrine sen que se tome ningunha medida, é un problema que o presidente dunha comunidade autónoma se dedique a cortar estradas, é un problema que as forzas e corpos de seguridade do Estado se vexan ameazadas... e todo isto require contundencia e firmeza. Desde logo, desde o ámbito político haberá que tomar decisións, mais tamén hai que esixir o cumprimento íntegro da lei. Hai que tomar decisións políticas e ter máis presenza en Catalunya, pero ao mesmo tempo hai que modificar o Código Penal para que sexa un delito convocar un referendo; ou a lei de símbolos, para que se usen os símbolos que son de todos.

Hai que tomar decisións políticas e ter máis presenza en Catalunya, pero ao mesmo tempo hai que modificar o Código Penal para que sexa un delito convocar un referendo.

Xa rematou de pagar o PP a factura da corrupción, dado que volve medrar en porcentaxe de apoio despois duns procesos electorais á baixa?

O que lle podo dicir é que todas aquelas e aqueles que se viron involucrados en asuntos turbios xa non están no PP. Os votantes percíbeno perfectamente, así como a contundencia de Pablo Casado, o noso presidente, diante de calquera indicio de actuación irregular. É certo que abril os resultados non foron bos, pero en maio a cousa mellorou e estamos certos de que a tendencia e positiva e volveremos mellorar agora en novembro. Podemos gañar. E máis en Lugo, onde o PP nunca perdeu unhas eleccións, e agora as e os lucenses penalizaran a Pedro Sánchez por todo ese dano.

Están insistindo moito na concentración do voto da dereita, cre vostede que diso vai depender que o PP volva gañar ao PSOE na Galiza?

Probablemente si. En abril demostrouse que esa dispersión do voto é moi prexudicial para os intereses do centro-dereita. Quen non queira un goberno de Pedro Sánchez cunha política económica marcada por Podemos, a única posibilidade que ten é apoiar á outra opción realista de formar un goberno, que é o PP. En abril, VOX recibiu 80.000 votos na Galiza e, en Lugo, Ciudadanos tivo 17.000. Foron votos desperdiciados.

Comentarios