Pedro Sánchez di que o PSOE aprendeu dos seus erros e é o único que pode derrotar o PP

Último día de campaña e empurrón do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, á organización galega do partido. Nun mitin en Vigo, perante unhas 800 persoas, Sánchez dixo que o PSOE ten aprendido dos seus erros e é o único partido que pode derrotar o PP.

Pedro Sánchez, municipais2015
photo_camera Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo

O discurso do PSOE é que encarna o único proxecto de esquerdas confiábel e solvente e capaz de reunir suficientes apoios sociais para derrotar a direita. Con esas ideas tenta estabelecer un corta-lumes que impida a conquista do eleitorado socialdemócrata español por parte das organizacións emerxentes, nomeadamente Podemos.

Sánchez deixouse ver na Galiza no último día da campaña, con actos na Coruña e Vigo. Na cidade do sul, a que pinta mellor para o PsdeG o 24M, o secretario xeral do PSOE fixo un discurso de partido retador ao PP. Son, dixo, o “único partido” que lle pode “gañar a dereita”, que é o que precisa a sociedade porque o Partido Popular goberna “para a minoría, que son os da amnistía fiscal”.

Houbo tamén espazo para a autocrítica e para o propósito de emenda. Destarte, admitiu que hai cidadás “decepcionadas” pola traxectoria máis recente da súa formación: a elas dirixiuse para lles dicer que hoxe o PSOE é un partido “mellor” e que “ten aprendido dos seus erros”.

Comentarios