xoves 09.04.2020
SOBRE OS GRUPOS PARLAMENTARES DE PODEMOS

Sánchez sobre os grupos parlamentares: "O Congreso non é unha cámara territorial"

O líder do PSOE rexeita que En Marea, Compromís-Podem e En Comú Podem teñan grupo propio. 

Pedro Sánchez [Imaxe Cadena Ser]
Pedro Sánchez [Imaxe Cadena Ser]

Nunha entrevista na Cadena Ser o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, rexeitou a posibilidade de que as coligazóns coas que Podemos concorreu ás eleccións do 20-D na Galiza, País Valenciá e Catalunya conten con grupo parlamentar propio. 

"O Congreso non é unha cámara territorial", sinalou en conversa con Pepa Bueno, acrecentando que esa función a cumpre o Senado polo que apostou na reforma da Cámara Alta para dar resposta ás "necesidades das comunidades autónomas". 

Sánchez apelou ao artigo 23.2 do regulamento do Congreso para argumentar que "forzas que non competiron nas eleccións" poidan contar con máis dun grupo parlamentar. Así as cousas, o líder do PSOE que debe contar co apoio de Podemos se quere facerse coa presidencia da Mesa do Congreso, instou á formación de Pablo Iglesias a promover a reforma do regulamento se quer contar con parlamentres en 4 grupos diferentes. 

Pola súa banda, desde En Marea a portavoz da candidatura e deputada eleita por Pontevedra, Alexandra González asegurou nunha entrevista en El Confidencial que "para darse un pacto na conformación da Mesa do Congreso ten que acepatarse a conformación dos grupos propios". 

Goberno español e Catalunya 

A respeito da posición que mantén o PSOE perante a configuración dun novo goberno no Estado español após as eleccións do 20 de decembro, Sánchez reiterou a súa aspiración de gobernar através dun "coligazón progresista" tanto de "esquerdas como de dereitas". Unha proposta que lanzaba publicamente na súa recente viaxe a Lisboa. 

O PSOE propón negociar co Govern da Generalitat cuestións económicas e do modelo de financiamento

Neste senso, mantivo o rexeitamento de investir Rajoy como presidente e defendeu "un cambio en España" entre outras cuestións para dar solución ao proceso soberanista catalán.

"Un cambio para o diálogo, a negociación e o acordo que permita rematar con este conflito", dixo o día despois do pleno de investidura en Catalunya. A proposta do PSOE é volver ás "27 propostas" achegadas pola Generalitat o pasado ano e nas que se recollían medidas económicas e de financiamento, entre outras cuestións. 

comentarios