Ausencia destacada de Abel Caballero

Pedro Sánchez apoia Leiceaga nun acto do PSdeG

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, participou o sábado na décimo Festa do PSdeG en Oroso, para amosarlle o seu apoio a Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato á Presidencia da Xunta, e para lle ofrecer “todo o esforzo da Executiva Federal”.

[Imaxe: PSdeG] Pedro Sánchez en Oroso
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Pedro Sánchez en Oroso

Pedro Sánchez viaxou desde Madrid até Galiza para participar na X Festa do PSdeG que tivo lugar na xornada do sábado en Oroso. Alí, e nun contexto de crise no seo do PSdeG, o secretario xeral do PSOE amosoulle o seu apoio a Leiceaga e ofreceulle o seu “traballo e compromiso”, así como “todo o esforzo da Executiva Federal”.

Sánchez sinalou que “nos pouco máis de dous anos” que leva á fronte do partido socialdemócrata tivo a posibilidade de falar “con gandeiros galegos que necesitan unha Xunta que defenda os seus intereses e dereitos”, así como “con moitos mozos que tiveron que emigrar”, “con moitos traballadores do sector pesqueiro” e “cun sector sanitario galego que se ve ameazado pola privatización”.

“Todos eles esixencambiar a Xunta e por iso estou convencido de que o 25 de setembro gañará o cambio na Galiza e ti [en alusión a Leiceaga] gobernarás ese cambio”, engadiu. “E por experiencia dígoche, nada de enquisas, a falar coa xente, a convencelos”, emprazou o candidato do PSdeG.

Posibilidades de cambio "reais"

"Non nos imos deixar comprar por moito que [Feijóo] utilice o DOG nestas semanas para contentar uns e outros"

Leiceaga, pola súa banda, criticou a actuación de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, ao que acusou de “estar instalado na autocompracencia” e de “ser o presidente dunha Galiza minguante”. “E xa non valen os recursos de última hora, non pode insultar os galegos con promesas electorais, porque non nos imos deixar comprar por moito que utilice o DOG nestas semanas para contentar uns e outros”, sinalou o candidato á Presidencia da Xunta, quen lembrou “os oito anos de inacción, parálise, recortes e máis débeda”.

O cabeza de lista do PSdeG asegurou que as posibilidade de cambio o 25S “son reais” e que “dependen no fundamental de nós. Temos a responsabilidade histórica de saír a defender Galiza e volver escribir unha páxina de progreso. O futuro vai depender de nós, do que fagamos nos próximos 21 días”.

Na festa dos socialdemócratas houbo destacadas ausencias, como a de Abel Caballero, alcalde de Vigo, quen non acudiu á cita en que participaba Pedro Sánchez após as discrepancias pola elaboración das candidaturas do PSdeG ao Parlamento.

Comentarios