sábado 04.04.2020
ELECCIÓNS

Sánchez aféalle a Feixoo que esconda as siglas do PP

O líder do Partido Socialista e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez reivindicou para Galiza un presidente que "fale claro, que dea a cara" como o fai Gonzalo Caballero.

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez no mitin deste domingo (Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez no mitin deste domingo (Álvaro Ballesteros / Europa Press).

"Fronte aos políticos que se esconden, ao min gústanme os que dan a cara. Fronte aos políticos que pasaban por alí, ao min gústanme os que cren e senten a súa bandeira. E a bandeira de Galiza e do PSdeG-PSOE hoxe lidéraa como ninguén Gonzalo Caballero". 

Así defendeu este domingo ao candidato do PsdeG o líder do Partido Socialista e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, quen reivindica para Galiza un presidente que "fale claro, que dea a cara", como o fai  Gonzalo Caballero, fronte a un Alberto Núñez Feixoo (PPdeG) que "esconde as súas siglas".

O xefe de filas dos socialistas arroupou este domingo en Compostela a candidatura do secretario xeral do PSdeG á Presidencia da Xunta nun acto ao que asistiron unhas 1.500 persoas. Entre elas estiveron numerosos cargos institucionais e orgánicos, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O precedente de Touriño

Sánchez, que participou como asesor do PSdeG na carreira cara ás urnas que elevou ao socialista Emilio Pérez Touriño á Presidencia da Xunta, iniciou a súa intervención lembrado "o cambio" logrado en 2005.

"De todos estes anos de militancia hei de dicir que unha das campañas máis bonitas, que mais gocei, na que máis ilusión todos tivemos, foi a campaña que fixo posible o cambio que protagonizou Emilio Pérez Touriño", sinalou.

Referencias á ocultación

Pedro Sánchez definiu ao candidato socialista como "un home que fala claro, que di as cousas e dá a cara". "Dá a cara e non se esconde", manifestou antes de chancear con que se se pon nun buscador de Internet "Feijóo esconde" aparecen "máis de 189.000 referencias".

"A maior parte delas din: Feijóo esconde as siglas do PP", sostivo Sánchez, que afirmou que as siglas do Partido Popular, tanto en Galiza como no Estado español, "significan corrupción, retroceso social e confrontación".

"E se non que llo digan á xente que sae á rúa a defender a sanidade pública, ou que llo digan a un exdirector xeral da petroleira mexicana Pemex por falar algo de corrupción", asegurou en referencia á detención de Emilio Lozoya. "Esa é a política do Feijóo, a do PP ás agachadas", incidiu.

Sánchez: "As siglas do Partido Popular significan corrupción, retroceso social e confrontación".

"En cambio", sinalou Sánchez, a política de Gonzalo Caballero é "a política de fronte ao retroceso social, avance social; fronte á corrupción, ejemplaridad; e fronte á confrontación territorial, a política de Gonzalo Caballero é a do diálogo". "Iso é o que necesita Galiza", reivindicou.

E é que, conforme sinalou, os socialistas son "xente que dá a cara". "Preocupámonos polos galegos, polos españois do montón, e iso é o que fixen estes días en Bruxelas, defender ao sector agrícola, ao sector lácteo", afirmou.

Compromisos

Neste punto, aproveitou para trasladar o compromiso do Goberno de España coa defensa da industria galega, coa defensa do sector lácteo galego, co feito de que o AVE "chegue a Galiza os próximo anos". "E o compromiso de que o Goberno de España vaise a envorcar co Xacobeo e con Gonzalo Caballero como presidente da Xunta", indicou.

Por último, lamentou que a dereita e a ultradereita estean instaladas na "crispación". "Pero sabedes o que vos digo, se queren crispar, que crispen; se queren insultar, que insulten. Nós ao noso, que é facer avanzar a Galiza e facer avanzar a España", proclamou.

comentarios