Pedro Puy, ingresado no Clínico de Santiago despois de sufrir un infarto no pleno de investidura

O portavoz parlamentar permanece hospitalizado no Hospital Clínico de Santiago.
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

O portavoz do Partido Popular (PP) no Parlamento galego, Pedro Puy, sufriu unha indisposición durante o debate de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta.

Segundo informaron fontes do grupo parlamentario popular, tratouse dun "episodio cardíaco adverso", motivo polo que foi evacuado en ambulancia até o Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Fontes próximas á familia confirmaron a Nós Diario que se tratou dun infarto.

Unha vez no complexo hospitalario, foi atendido pola Unidade de Hemodinámica, que lle aplicou o tratamento correspondente. Tras iso, quedou hospitalizado na Unidade de Coronarias, á espera de examinar a súa evolución.

O popular comezou a sentirse mal sufriu após intervir na segunda sesión do debate de investidura. O deputado e vicesecretario de Organización Territorial do PP, Miguel  Tellado, foi quen substituíu Puy na segunda quenda de intervencións dos portavoces parlamentarios.

Mensaxes de apoio das tres formacións

Despois de que o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, comunicase ao pleno o sucedido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a primeira en intervir, e mostrou o seu desexo de que "se recupere pronto e quede nun susto".

 Tanto Miguel Tellado como o candidato Alfonso Rueda expresaron o seu apoio a Pedro Puy e instaron a que fose só un "susto".

Na mesma liña, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, expresou a través da súa conta de Twitter o desexo dos socialistas para unha "pronta recuperación", ao xa non ter quenda de intervención na Cámara.

Comentarios