Pedro Puy recibe a alta hospitalaria após sufrir un infarto no Parlamento

O portavoz do PP tivo que ser trasladado ao Hospital Clínico de Compostela a pasada quinta feira no debate de investidura de Alfonso Rueda.
Pedro Puy, a pasada semana, no Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Pedro Puy, a pasada semana, no Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recibiu a alta hospitalaria no Hospital Clínico de Santiago de Compostela esta segunda feira, após catro días ingresado como consecuencia dun infarto sufrido na pasada quinta feira durante a segunda sesión do debate de investidura de Alfonso Rueda como sexto presidente da Xunta da Galiza.

Puy recibiu atópase xa no seu domicilio. Tras o problema cardíaco sufrido a semana pasada, a súa recuperación foi "favorábel" e agora "todo vai ben", indicaron fontes populares a Europa Press.

Porén, non se reincorporará aos seus labores na portavocía do PPdeG de cara a esta cuarta feira, cando está prevista a próxima Xunta de Portavoces, dado que esta terza é o festivo do Día das Letras Galegas.

No seu lugar asistirá algún dos viceportavoces: Miguel Tellado —que está pendente do seu salto ao Senado xunto a Alberto Núñez Feixoo—, Paula Prado ou Elena Candia.

Na quinta feira Puy realizou a súa primeira intervención no marco da segunda e última sesión do pleno de investidura de Rueda e sentiuse indisposto, retirándose do hemiciclo.

Pouco despois foi trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico e alí permaneceu ingresado até recibir a alta esta segunda feira. O propio Rueda, unha vez investido presidente, informou en redes sociais de que tivera a oportunidade de visitar Puy, ao que trasladou "toda" a súa forza para "unha rápida recuperación".

Miguel Tellado foi o encargado na quinta feira de substituír Puy na réplica dos grupos parlamentarios ao candidato á Presidencia. Tanto el como os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Luís Álvarez, desexáronlle tamén unha rápida recuperación durante as súas segundas intervencións.

Comentarios