Pedro Puy evita confrontar co PP de Ourense e garante a unidade parlamentar dos populares

Horas antes de que a mobilización veciñal en Verín concretase as accións a seguir en defensa do hospital, no Parlamento o PP rexeitou calquera posibilidade de disenso no partido e garantiu o apoio unánime das súas deputadas e deputados ao feche do paridoiro de Verín. 
Pedro Puy, portavoz parlamentario do PP
photo_camera Pedro Puy, portavoz parlamentario do PP, esta segunda feira.

"O Grupo Parlamentario Popular está unido. Grazas polo interese". Así respondeu Pedro Puy, o portavoz dos populares na Cámara, á primeira das preguntas das xornalistas a respecto do disenso no PP sobre a decisión do Sergas de fechar o paridoiro do Hospital de Verín. Até en catro ocasións subliñou Puy esta segunda feira a cohesión do grupo parlamentar que sustenta o Goberno de Alberto Núñez Feixoo. Mais a polémica non se atalla con proclamas de unidade, e por iso todas as preguntas dunha rolda de prensa que Puy convocara para falar dos orzamentos que irán a pleno o próximo día 17 estiveron relacionadas co futuro do Hospital de Verín e a reacción do PP.

Puy recoñeceu que houbo erros "na comunicación" da medida, que na súa opinión son evidentes polo "amplo descontento social" que xerou, pero non foi máis alá e fechou filas co Sergas, co Goberno e con Feixoo. "Calquera decisión que se adopta no ámbito da sanidade ten como obxectivo garantir o servizo e a saúde dos pacientes", dixo asumindo o argumento da Consellaría de Sanidade, e engadiu: "Todas as asociación de especialistas nesta materia recomendan centralizar os partos exclusivamente no Hospital de Ourense".

O portavoz parlamentar do PP evitou en todo momento entrar en conflito co PP de Ourense, que a semana pasada mostrou o seu descontento coa medida e mesmo conseguiu o apoio de Democracia Orensana (coa que comparte Goberno en Ourense) e Ciudadanos para levar ao pleno da Deputación unha iniciativa de apoio á continuidade do paridoiro.

O PP non se move; tampouco en Ourense

Fontes de Presidencia da Deputación de Ourense sinalaron esta mañá a Sermos Galiza que a postura do partido presidido por Xosé Manuel Baltar é a mesma que hai unha semana, que non se produciron contactos coa dirección en Compostela e que os populares ourensáns seguen pedindo que se "manteña e mellore" o servizo de paridorio no Hospital de Verín, tal e como figura na moción rexistrada o pasado día 2.

Diante deste desafío ao Goberno Feixoo, Pedro Puy garda silencio. Estamos unidos, repite. "Non vexo posibilidade ningunha de que se rache esa unidade no próximo pleno. Ningún Goberno adopta decisións en contra dos responsábeis da área sanitaria afectada e, polo tanto, estou convencido de que esa decisión é a correcta".

"[As forzas da oposición] están asumindo uns compromisos que se algún día lle toca gobernar igual non son que de mantelos, porque non se pode ir en contra dunha decisión técnica, por iso me sorprende moito que non respecten os criterios de autoridade", di Puy.

E cuestionado polo enfrontamento co PP de Ourense, reafírmase: "No Grupo Parlamentario Popular tomamos as decisións en conxunto e así as levamos adiante. Eu falo polo Grupo Parlamentar Popular, non podo falar polo PP de Ourense". E despois, carga contra a oposición: "O que está a facer a oposición é tratar de provocar a ruptura no grupo maioritario, e eu non lles vou facer desde aquí o xogo".

Puy concluíu advertindo ás forzas da oposición que "están asumindo uns compromisos que se algún día lle toca gobernar igual non son que de mantelos, porque non se pode ir en contra dunha decisión técnica, por iso me sorprende moito que non respecten os criterios de autoridade".

"Sorpréndelle que tampouco os respecten no PP de Ourense?", inquiriu a prensa. "Eu contesto o que pensa este grupo parlamentar", rematou Puy.

Violencia contra as mulleres

O BNG, o Grupo Mixto e o Grupo Común da Esquerda están de acordo en sinalar o erro de fechar o paridoiro de Verín. Ana Pontón, a portavoz nacionalista, dixo que o PP terá "unha segunda oportunidade" no pleno da próxima semana para rectificar "apoiando á moción que presentamos contra o feche". David Rodríguez, de En Marea, di que o seu grupo tamén reclama a dimisión do conselleiro e que "despois do desmantelamento do de Verín, seguirá o de todos os hospitais comarcais". "É violencia contra as mulleres e as crianzas", di o deputado ourensán. "É un bochorno que hai que reverter", resume Luca Chao (Podemos).

Comentarios