Conclúe a campaña coa Xunta en xogo e o rol do país por decidir

Sen sorpresas nos roteiros das distintas forzas políticas. Todo moi medido e moi polo rego. Así concluíu esta sexta feira a campaña das eleccións galegas, que deixa todo aberto e todo por decidir: se o próximo Parlamento ten maioría de direitas ou progresista e nacionalista, e que status político terá o país nos próximos anos.

peches campaña 6

Foi a campaña de "ou eu ou o caos" de Feijóo. Foi a campaña da "reforma do novo Estatuto" de Leiceaga. Foi a campaña de "non hai demanda social dun referendo de autodeterminación e hai que desenvolver aínda o actual Estatuto" de Villares. Foi a campaña de "Galiza debe abrir un tempo novo" de Ana Pontón, gañadora do debate do 12 de setembro, a única entre os protagonistas que, alén de visar a conquista do goberno, sinalou que o país debe aspirar a un novo rol.

Feijóo non se moveu un milímetro do roteiro dos seus estrategas. O seu discurso foi de principio a fin o mesmo, a única garantía de a Galiza non se enlamar no bloqueo político que sofre o Estado desde o 20D é votar masivamente Partido Popular. Feijóo fiou todo desde o minuto 0 á conquista do escano 38 e a agrupar todo o voto da direita, sen contar en ningún momento co concurso de Cs. Nese empeño tivo unha aliada, a candidata de Ciudadanos, absolutamente fóra de foco toda a campaña, marcada pola súa calamitosa actuación no debate da TVG, da que o único que ficará na memoria é a súa opción lingüística a prol do español.

Leiceaga e Villares protagonizaron un xordo combate pola segunda praza, sen demasiado brillo, sen conseguir en ningún momento inter-actuar con Feijóo. Non o conseguiron, entre outras razóns, porque Feijóo sinxelamente non lles deu status de interlocutor. Feijóo quixo transmitir a impresión de que non tiña rival, de que non combatía contra ninguén. Só contra unha sombra, a sombra do caos. Xa non dun eventual tripartito, senón dun multipartito, expresión posta en circulación polo PP e adoptada pola imprensa amiga de Monte Pío.

Ana Pontón sementou en solitario o rego soberanista. A súa mensaxe pode resumirse nesta frase: Feijóo non, por suposto, mais o país necesita ser dono de si propio.

PSdeG e En Marea emitiron os seus discursos en frecuencias moi semellantes. Mensaxes socialdemócratas no social e estatutismo no nacional. Leiceaga puxo máis o acento no dossier económico, dada a súa formación profesional. Villares, no combate contra a corrupción, moito no seu papel de xuíz xusticieiro.

Ana Pontón sementou en solitario o rego soberanista. A súa mensaxe pode resumirse nesta frase: Feijóo non, por suposto, mais o país necesita ser dono de si propio. Ligou en todo momento a xustiza social coa demanda de pasos decididos rumo a una Galiza soberana. Foi o único discurso nidiamente rupturista de campaña, sendo que Villares, nas antípodas da executoria de Beiras desde 2012, non se moveu nin un milímetro dunha narrativa autonomista.

Feijóo só quixo debater o 12S e, visto o visto, enténdese. A súa campaña era el mesmo. E ninguén máis

Feijóo só quixo debater o 12S e, visto o visto, enténdese. A súa campaña era el mesmo. E ninguén máis. Nen as siglas do seu partido nen o seu chefe de filas, o inquilino da Moncloa. Ninguén lle podía roubar o primeiro plano. Como non voltou a debater, a campaña ficou plana, moi controlada polos medios públicos e por unha imprensa amiga que agachou todo o que puido até a denuncia da xunta eleitoral de Rivadavia.

Mesmo así, no debate ficou claro que a dicotomía do discurso feijoniano é falsa: se o bloco progresista e nacionalista suma o domingo 38 ou máis escanos, haberá goberno alternativo. En ningún momento da campaña nen Pontón nen Villares nen Leiceaga puxeron en cuestión iso.

Na campaña ficou claro tamén que a dialéctica real no seo das forzas da oposición ten a ver co rol político do país, con PSdeG e En Marea bastante en sintonía á hora de defender que, antes de pensar en ir a outros escenarios, o primeiro é desenvolver o teito competencial do Estatuto, e co BNG a subliñar que o autonomismo está xa esgotado e que no seu seo non é posíbel ir á raíz dos problemas do país -a súa dependencia, a ausencia dun poder político galego soberano.

O encerramento da campaña non variou nen un chisco a partitura das distintas forzas en liza. Eis as últimas mensaxes da carreira cara ao 25S:

Alberto Núñez Feijóo. PP. Pechou campaña no Teatro Afundación de Vigo.

“Un presidente de Galiza non ten ningunha autoridade para quebrar o país ou encher os caixóns da Xunta de facturas sen pagar”.

“En Galiza temos a sanidade, a educación e os servizos sociais garantidos. Non debemos nada a ninguén”.

Ana Pontón. BNG Nós Candidatura Galega. Pechou campaña no Auditorio Mar de Vigo.

“Pido o voto das persoas que confían no país para construír unha Galiza de oportunidades e ter o 26S motivos para sorrir”.

“Sei que hai moitas persoas que neste momento están dubidando que facer o próximo domingo, mesmo se ir votar. Pídolles a súa confianza, -votasen o que votasen no pasado- porque o BNG ten un proxecto para que saiamos adiante coas nosas propias forzas”.

Xoaquín Fernández Leiceaga. PSdeG-PSOE. Pecha campaña na Alameda de Compostela.

“O noso proxecto pasa por esbozar un camiño ben diferente que quere xerar emprego e reforzar os servizos básicos do Estado do Benestar, recuperar os niveis de calidade da sanidade pública, a igualdade no ensino e a política social”.

“Se o domingo votamos en función dos valores, dos nosos ideais e do que queremos no máis fondo dos nosos corazóns, o luns poderemos ter un presidente socialista”. 

Luís Villares. En Marea. Pechou campaña na praza de Praterías de Compostela.

“Nós coñecemos á xente que nos rodea, pero son irmás porque teñen as mans manchadas de chapapote igual ca nós”.

"A nosa historia facémola nós, non hai destino que nos marque a historia. Seremos nós os que dicimos si á dignidade e non á corrupción".

Cristina Losada. Ciudadanos. Pechou campaña na praza de Pontevedra da Coruña.

“O 25 de setembro o voto a Ciudadanos será o voto das reformas, a transparencia, e non de aventuras incertas”.

“O primeiro que lle imos esixir a Feijóo é que Baltar saia de inmediato da Deputación de Ourense”.

Comentarios