A organización comunista chama a ‘organizar a ofensiva proletaria’

PCRG chama a unidade do comunismo galego para 1º de maio

O Partido Comunista da República Galega (PCRG) vén de facer público o seu apoio a convocatoria da Confederación Intersindical Galega (CIG) para 1º de maio e chama a conformar un cortexo comunista dentro da marcha que a central sindical nacionalista ten prevista en Vigo.

 

Primeiro de Maio CIG.
photo_camera Primeiro de Maio CIG.

A nova organización considera “necesario organizar a ofensiva proletaria para evitar que a demagoxia fascista capitalice o cada vez maior descontentamento social” e entende “imprescindíbel dotar a nosa clase dun programa táctico e estratéxico de loita. A revolución socialista galega é a única alternativa”

A convocatoria deste 1º de maio ten unha significación especial para esta formación, ao coincidir co “50 aniversario das grandes loitas obreiras que ao longo de 1972 situaron ao proletariado galego á cabeza do combate antifascista e por mellores condicións laborais, é necesario recuperar a súa vixencia e plena actualidade. As experiencias do marzo ferrolán e o setembro vermello vigués son insumos para as tarefas do presente”.

A formación amósase moi crítica cos “inquilinos da Moncloa”. Nesta liña, denuncia “o incumprimento das súas promesas electorais confirma unha vez máis que o capitalismo non se pode reformar e que a os dereitos da nosa clase non se conquistan mediante ningunha clase de compromiso institucional”. Asemade, demandan “ rachar co discurso da socialdemocracia, alleo ás necesidades da clase obreira e subordinado aos intereses da UE e da OTAN, ferramentas da burguesía imperialista”.

Unidade do comunistas galegos

O PCRG aposta pola unidade do comunistas galegos. Nesta dirección, sinala que “queremos, aproveitar este 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, para pór o primeiro chanzo do comunismo galego unido, avanzando na práctica no artellamento do exército da nosa clase, o partido, rompendo co reformismo, co esquerdismo estéril e coas modas do sistema reproducidas pola “esquerda” posmoderna”.

O partido defende “fronte amorfismo cidadanista, a clase obreira necesita dotarse de ferramentas defensivas e ofensivas propias, de espazos xenuinamente proletarios. A independencia de clase debe guiar a reconstrución e reagrupamento dos marxistas-leninistas galegos”.

A organización sinala que “en épocas de claudicación, desorientación e desorganización, facemos un chamamento a todos os comunistas galegos organizados ou non, a que dean un paso valente adiante. Que tomen partido pola nosa clase” e considera “un imperativo moral” implementar “as formas mais avanzadas de organización: o partido comunista”.

Comentarios