Paulo Ríos Santomé é o novo secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), en substitución de Adrián R. Bravo, após o XVII Congreso da organización xuvenil da UPG, que decorreu o sábado en Pontevedra baixo o lema “Organizando a revolución, liberando a Patria Galega” e que contou coa participación de Néstor Rego, secretario xeral da UPG.
Aos seus 25 anos, Paulo Ríos é integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova como responsábel comarcal do Morrazo, do Consello Local do BNG de Moaña e do Consello Comarcal do Morrazo. É o concelleiro de Mocidade do de Moaña.
O secretario xeral puxo en valor o traballo iniciado pola anterior dirección e apostou en afortalar a organización, así como en ampliar o traballo nos colectivos dos que a UMG forma parte
Nunha nota de imprensa, o novo secretario xeral pon de manifesto que afronta a súa elección con “ilusión” e “cunha grande responsabilidade de traballar para contribuir ao proxecto de liberación social e nacional da Galiza.” Sinala que o seu obxectivo á fronte da UMG é continuar o traballo iniciado pola anterior dirección, afortalar a organización e ampliar o traballo nos colectivos dos que a UMG forma parte no ámbito xuvenil e estudantil. "O anterior período déixanos unha UMG máis forte e cohesionada, que seguiremos coidando e que dará os seus froitos sempre entregados ao ben común", expresou.
No seu discurso, Ríos Santomé parabenizou Galiza Nova pola traxectoria de 30 anos e lembrou a "importante contribución da UMG" na organización xuvenil do BNG. A continuación, explicou que unha das prioridades do colectivo xuvenil da UPG debe ser "o traballo no seo de Galiza Nova e do BNG", así como a socialización do proxecto entre o conxunto da mocidade galega. Tamén apostou, sen ambaxes, por Erguer. Estudantes da Galiza como “ferramenta indispensábel para defender os intereses do estudantado galego”. Avogou por traballar en Erguer “desde o consenso, a lealdade e o ben común”.