Paulo Carlos López será o candidato de CxG ás eleccións europeas

Escollido nunhas eleccións primarias abertas en que votaron por volta de mil persoas, o que foi secretario xeral da Mocidade Nacionalista Galega lidera agora a listaxe da formación galeguista aos comicios do 25 de Maio. Sermos Galiza conversou con el.

paulocarlos
photo_camera @ Compromiso_xGal

A listaxe de Compromiso por Galicia para a candidatura en coligación con PNV e CiU con que a formación galeguista concorrerá ás eleccións europeas do 25 de Maio xa ten cabeza de lista. Será Paulo Carlos López, ex-secretario xeral das xuventudes de CxG, a Mocidade Nacionalista Galega, e integrante da executiva desta organización e que colleitou case a metade dos votos emitidos no proceso de primarias abertas escollido para nomear @ candidat@.

Así as cousas, segundo o propio López confirmou en conversa con Sermos Galiza minutos despois de ser elexido, foron 710 as persoas que emitiron os seus votos, entre simpatizantes e militantes, facendo fincapé en que "participou moita xente de fóra da organización". Deses votos, el recibiu o 48% e os restantes repartíronse entre @s outr@s tres aspirantes: Xosé Mosquera, profesor de dereito consitucional da U-Vigo e membro do Consello Político Nacional de CxG, recibiu o 36%; Teba Conde, integrante do mesmo órgano político, profesora de primaria en Laxe e militante da agrupación local de Teo, obtivo un 11%; e o 5% restante foi parar a Pablo Penedo, coruñés que non está afiliado a esta formación política. 

"Contento e con moita forza" dixo atoparse o candidato de CxG a Bruxelas, quen aproveitou a chamada deste xornal para "pór en valor" o proceso de primarias abertas, "inédito no sistema político galego" e que, segundo el entende, serve de reforzo "para dar á cidadanía instrumentos de reforzo que lle fagan recuperar a confianza" fronte a un panorama de "desafección". Dixo Paulo Carlos López que CxG vai a Europa "con marca propia, con discurso propio e con candidato propio" para defender Galiza en organismos coma o Comité das Rexións, "onde as nacións sen estado poidan ter voz"; para pular polo "crecemento económico"; e para promover "a blindaxe dos dereitos sociais". 

Comentarios