Paulo Carlos López: ''O problema non é Europa, senón quen a goberna''

O candidato de Compromiso por Galicia (CxG) está confiado en que a formación galeguista vai ter este 25M uns bos resultados electorais. “A CxG canto máis se nos coñece, máis se nos quere” (sorrí). Este partido concorre en coligación con PNV e CiU.

Paulo Carlos

Paulo Carlos López é o candidato de Compromiso por Galicia ás eleccións europeas que decorren este 25 de maio. Electo para ese posto após unhas primarias, este xornalista da xeración de 1985 insiste en que Galiza se xoga moito nesta cita. “O que se decide en Bruxelas tócanos no día a día e moi de cerca”.

-No ecuador da campaña electoral, que valoración fai do decorrer da mesma?

-Faría dúas valoracións, En primeiro lugar creo que está a ficar claro que tanto PP como a PSOE pretenden que esta sexa a campaña da abstención. Interésalles que a participación sexa baixa para así manter o bipartidismo. O resto das formacións debemos apostar por facer pedagoxía, que a xente teña claro que o que se decide en Bruxelas nos vai afectar no día a día e moito. A segunda valoración xa é a respecto de CxG, e creo que a campaña está a ser positiva. Vai xente aos mítines, vese interese polo noso programa... Xa se di que a Comprmiso por Galica canto máis se lle coñece máis se lle quere (sorrí).

"PP e PSOE están interesados en que haxa unha baixa participación para así poder manter o bipartidismo"

-Fan fincapé no seu discurso de crenza europeísta, algo que non partillan con outras candidaturas galegas..

-Somos europeístas, claro, é algo que atopamos na tradición galeguista. Sabemos que a Unión Europea é mellorábel, mais tamén que é o espazo onde nos reivindicar como nación. Non acreditamos na Europa da austeridade, como fan PP e PSOE, mais tampouco na anti-europa, como BNG e AGE.

-Mais semella que entre a cidadanía a UE está en horas baixas...

-A entrada do Estado español e de Galiza na Unión Europea trouxo cousas positivas mais tamén negativas. Un exemplo diso foron os nosos sectores produtivos. Mais o que nós queremos transmitir é que o que aconteceu cos nosos sectores produtivos non foi culpa da Unión Europea como ente abstracto, senón das políticas do PP e do PSOE, das súas decisións políticas. O problema non é Europa, senón quen goberna e as súas políticas.

"Non acreditamos nesa Europa dos estados e da austeridade, que queren PP e PSOE, mais tampouco na anti-Europa do BNG e AGE"

-Cales son as ideas-chave que CxG defende no seu programa para o 25M?

-A defensa de Galiza e dos seus intereses, dos seus sectores produtivos. Por exemplo, cremos que Galiza debe ter presenza e voto naqueles temas que lle afecten. Tamén avogamos por unha mudanza da arquitectura institucional da UE para lle dar máis poder ao parlamento. O cambio das políticas e medidas de austeridade por outras dirixidas ao crecemento é outra das cuestións de importancia para nós. E dentro dos temas relevantes, entendemos que sería bo crear un marco anti-corrupción a nivel europeo, procurando que a cidadanía volva confiar na política.

-Séntense cómodos na coligación co PNV, CiU e Coalición Canaria?

-Pois si, estamos cómodos (sorrí). Non debemos esquecer que esta coligación é froito dunha decisión política do Partido Popular e Partido Socialista para que nas eleccións europeas o Estado español sexa circunscrición única, o que obriga a tecer e procurar alianzas entre diferentes formacións. En 'Coligación por Europa' (nome da candidatura) somos forzas diferentes, mais atopamos unha serie de puntos base comúns: a defensa dos nosos respectivos territorios, a defensa da democracia e a defensa dos servizos sociais.

-Aventura un resultado para o 25M?

-Coligación por Europa vai ter 3 deputados, o que significa que CxG e Galiza vai ter representación directa na Unión Europea.

Comentarios