Paulo Carlos, candidato de CxG: ''Europa é o espazo para nos reivindicar como nación''

O candidato de Compromiso por Galicia na coligación con PNV e CiU ás europeas incidiu nunha entrevista na Radio Galega no europeísmo da súa formación e na necesidade de ''democratizar a democracia''.

paulo carlos

O candidato de Compromiso por Galicia (CxG) á cita europea do 25 de maio, eleccións nas que CxG acode en coligación con PNV e CiU, entre outros; foi entrevistado esta terza feira no programa 'Galicia por Diante' da Radio Galega. Paulo Carlos cualificou a Compromiso como “profundamente europeísta”, avogando pola “mellora e reforma” da Unión Europea mais incidindo en que “é o espazo para nos reivindicar como nación”. “Europa é un espazo necesario”, apostillou.

Paulo Carlos dixo que tanto a PP como a PSOE lles interesa unha campaña de “perfil baixo”, algo contra o que combate CxG: “Ofrecemos un proxecto novo: dignificar o auto-goberno, defender servizos públicos de calidade, democratizar a democracia”. Enmarcou a importancia de CxG en que “é unha nova forma de entender a política”.

Alianzas

A respecto da alianza con PNV e CiU, afirmou:"Somos socialdemócratas. PNV e CiU non, certo, pero iso non impide chegar a acordos que sexan bos para Galiza". Iso si, para Paulo Carlos o pacto con esas formacións representa “unha translación das correntes ideolóxicas que deron lugar o estado de benestar: a democracia cristiá (PNV), o liberalismo progresista (CiU) e a socialdemocracia (Compromiso)”.

"Queremos que a cidadanía volva crer na política. En CxG defendemos un proxecto e nas municipais teremos o gran exame", dixo. "Sabemos que queren PP e PSOE, pero non sabemos cal é o proxecto de AGE e BNG. Falan de romper, si, pero pouco máis".

Comentarios