Eleccións Municipais

Paula Prado desembarca en Lugo para acusar de "electoralismo" a oposición

A secretaria xeral dos populares acompañou onte Elena Candia.
Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press / Arquivo)

A campaña electoral do 28 de maio arranca oficialmente na noite da quinta á sexta feira mais xa hai algún tempo que os discursos de líderes políticos están en pleno fragor dos comicios. A secretaria xeral do Partido Popular da Galiza, Paula Prado, estivo esta segunda feira en Lugo para acompañar a candidata do PP na cidade,  Elena Candia, na presentación do seu programa, composto por 140 medidas.

Lugo está a ser unha das prazas de recalada de cargos e dirixentes do PP galego nesta precampaña, consciente o Partido Popular da importancia de  gobernar a cidade, algo que se marcan como un obxectivo a render para este 28-M.

Porén, a candidata, Elena Candia, que deu o salto de Mondoñedo á cidade luguesa como a grande aposta do PP, empezou a precampaña en horas baixas após ter que acabar admitindo o seu partido a finais de marzo que ela, Candia, foi quen entregara documentación anónima á Fiscalía contra o daquela líder socialista José Ramón Gómez Besteiro, que volveu este ano á política institucional ser absolto pola Xustiza.

Esta segunda feira, Prado salientou en Lugo que o programa do PP de cara ao 28 de maio é "un proxecto real" porque está baseado no "traballo de escoita ás propostas, ideas e necesidades" da cidadanía luguesa e galega. A secretaria xeral do PP contrapuxo as propostas do seu partido fronte ao "electoralismo" do que acusa ao BNG e o PSdeG, que "veñen a Lugo a rañar votos.

Ao longo deste mandato, o Goberno municipal de Lugo, composto por socialistas e nacionalistas, lamentou a "discriminación" por parte da Xunta cara á cidade en diversas cuestións, desde vivenda e infraestruturas até, máis recentemente, en materia deportiva.

Comentarios