Patxi López, eleito presidente do Congreso cos votos de PSOE e Ciudadanos

O ex-lehendakari recibiu 130 votos en segunda votación fronte aos 71 de Carolina Bescansa.

24353096015_f3d2603f04_z
photo_camera Patxi López no Congreso [PSOE]

Esta cuarta feira (13 de xaneiro) ten lugar a constitución do Parlamento español após as eleccións do 20 de decembro. Neste senso, foron eleitas a presidencia do Congreso e do Senado logo dos acordos alcanzados entre as forzas políticas que obtiveron maior representación. 

A Mesa da Cámara Baixa estará presidida polo ex-lehendakari e candidato socilista, Patxi López, quen obtivo 130 votos a favor en primeira e segunda votación. Correspóndense os apoios co número de parlamentares de PSOE e Ciudadanos. Pola súa banda, a candidata de Podemos, Carolina Bescansa, recompilou 71 votos favorábeis nunha votación que foi secreta.  

Así as cousas os resultados evidencian que Bescansa recibiu o apoio de Podemos e as coligazóns coas que concorreu na Galiza, Catalunya e País Valenciá (69) xunto c@s parlamentares de Izquierda Unida (2). 

En branco: PP (123), PNV (6), ERC (9), Democrácia i Llibertat (8), Coalición Canaria (1) e Bildu (2). 

En total emitíronse 148 votos en branco e un nulo, na segunda volta, pois alguén votou por "o fillo de Bescansa" que estivo presente durante a sesión. A crianza apañou máis atención mediática que parlamentares como Gómez de la Serna (PP) ao que a Audiencia Nacional española abriu un proceso xudicial por presunta corrupción. O deputado, candidato do Partido Popular ás eleccións, tomou posesión como parte do Grupo Mixto porén, mantén a súa acta o que lle garante aforamento. 

A continuación procédese á elección das Vicepresidencias da Cámara. 

Comentarios