Declaran máis de 1,1 millóns de débeda

O patrimonio de Feixoo e os seus conselleiros aproxímase aos 2,5 millóns

O patrimonio do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e dos 11 conselleiros que conforman o seu Goberno supera os 2,4 millóns de euros. Con todo, a débeda que declaran no seu conxunto os membros do Consello da Xunta -fóra das titulares de Política Social, Fabiola García, e Infraestruturas, Ethel Vázquez- alcanza unha contía que se aproxima á metade do valor do seu patrimonio: máis de 1,1 millóns.

Feixoo insiste na crítica á política do Goberno español após o estado de alarma. (Foto: David Cabezón / Europa Press)
photo_camera Feixoo, nun acto decorrido esta semana (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O anuncio que publica esta sexta feira o DOG ratifica que o presidente galego declara o maior patrimonio do seu Executivo, dado que o valor dos seus bens ascende a 551.933,95 euros. Pero tamén consigna no apartado de pasivo (créditos, préstamos e outra débeda) 238.000 euros.

De feito, só declara unha débeda maior que Feixoo a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana (con 259.952,86 na casa de pasivo), e o segundo patrimonio máis elevado do Goberno (350.928,965 euros, entre bens inmobles e doutro tipo).

No polo oposto sitúase a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que é a única, xunto co vicepresidente Alfonso Rueda, que acompaña a Feixoo no Executivo desde 2009.

A responsábel de Mar declara o patrimonio máis baixo do Goberno, cun valor de 78.150,07 euros, e un pasivo de 50.865,96.

Sen débedas

As que non declaran débeda son Fabiola García e Ethel Vázquez, aínda que a cantidade no 'debe' da responsábel de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tamén é menor: 5.276,77 euros.

O patrimonio total de Ángeles Vázquez ascende a 177.708,86 euros; mentres o de Fabiola García supera os 122.000 euros e o de Ethel Vázquez sitúase en 144.330 euros.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a outra fichaxe nova do Executivo após os últimos comicios, declara un patrimonio total de 97.736,37 euros, e débedas por case 139.000.

Comentarios