Patricia Otero (PSdeG): "A Xunta ten abandonadas as súas competencias industriais"

Entrevistamos Patricia Otero, candidata número 1 do PSdeG por Lugo.

A concelleira burelá e secretaria provincial do PSdeG, Patricia Otero, lidera a lista do PSdeG por Lugo. (1)
photo_camera A concelleira burelá e secretaria provincial do PSdeG, Patricia Otero, lidera a lista do PSdeG por Lugo (Imaxe: Nós Diario)

—Como veciña e concelleira en Burela, como valora a situación da comarca da Mariña?

Precisamos compromisos firmes e reais das Administracións con esta comarca para que a Mariña teña futuro, independentemente da cor política que goberne na Xunta ou no Estado. Queremos un futuro digno, por iso tamén participamos de mobilizacións como a que tivo lugar esta mesma semana aquí, convocada por UXT, CCOO e a CIG. Coincidimos en moitas das reivindicacións que fan os sindicatos, tanto nas exixencias á Xunta como ao Goberno estatal, como é a reclamación dunha tarifa eléctrica para as empresas electrointensivas. Mais non podemos pasar por alto que a Xunta ten abandonadas as súas competencias industriais. 

—E para cando o estatuto electrointensivo?

O Goberno estatal está a traballar nunha tarifa eléctrica estábel, que é o que reclaman os traballadores de Alcoa a través do comité de empresa. Parecía que tamén era o que reclamaba a empresa, mais agora parece que está claro que a vontade da corporación é abandonar a fábrica. Con todo, o Ministerio está a traballar nesa tarifa e informa que se aprobará ao longo deste verán. 

—Nacionalización de Alcoa. Si ou non?

Antes de falar de nacionalizar, cuestión que pode tocar noutro momento, o que urxe é mantermos toda a presión das Administracións sobre a empresa para que rectifique, dea marcha atrás nos despidos e decida ficar na Galiza, ou ben, para que deixe paso a outra empresa, é dicir a un comprador que se poida facer cargo desta planta. Se Alcoa xa ten decidido marchar debe facer viábel a transitoriedade para que non se perdan os postos de traballo nin se paren as cubas, xa que sería moi custoso volvelas pór a funcionar. 

—O seu partido é crítico coa xestión sanitaria da Xunta na Mariña. Ve falla de medios?

O noso hospital perdeu a súa autonomía e orzamento coa Xunta, e agora é unha sucursal de Lugo, o cal implica que aumenten as listas de agarda e perdamos servizos. Por exemplo, para operacións de cataratas ou para cambiar un marcapasos temos que ir a Lugo. 

—Mais a Xunta defende que ampliou o hospital da Mariña e acúsaos de mentir. 

O único que a Xunta da Galiza ampliou foron os espazos, é dicir, agora temos consultas e salas máis grandes, de maior tamaño, mais non se ampliaron nin os servizos nin o cadro de persoal e tampouco se deu unha mellora das condicións laborais que soportan as e os profesionais sanitarios. 

Comentarios