Asembleas abertas e sen apriorismos para conformar un ‘’polo nacionalista e de esquerdas’’ cara as municipais

Serán ferramentas nas que debater programa e candidaturas para a cita electoral do 2015. 

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Asembleas abertas, sen condicións nin apriorismos e como ferramentas nas que debater e traballar para conformar programas e candidaturas cara ás eleccións municipais de 2015. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu a apertura dun proceso desde xa para “sumar e integrar con espírito aberto e sen mirar o carné de ninguén”. Unha aposta por “unir esforzos para mudar o país” e contribuír a unha “alternativa nacionalista plural e de esquerdas” que enfronte “as políticas depredadoras da dereita”.

Vence fixo estas declaracións durante a rolda de imprensa para dar a coñecer os acordos do Consello Nacional do BNG. Vence reitera que as asembleas nacerán “sen poñer condicións ao desenlace” e apostando nun proxecto “ilusionante” no que se conformen programas e candidaturas para as municipais do vindeiro ano. O portavoz nacionalista entende que é a “cidadanía disposta a traballar nun proxecto de país con futuro” a que debe protagonizar o debate, fuxindo dun “diálogo entre cúpulas”.

Maduración

Os movementos sociais teñen que ser protagonistas e impulsores neste proceso. Así, o BNG indica que “movementos sociais implicados en diferentes loitas, ecoloxistas, feministas, plataformas organizadas nos últimos tempos para enfrontar as políticas do PP...”

O que a fronte nacionalista non quer é présa nin resultados a priori, segundo apunta no comunicado. “O resultado final dependerá do grao de maduración do debate que se alcance nesas asembleas abertas”. Para o portavoz nacional, o fulcral é "abrir un proceso de acumulación de forzas de toda a cidadanía que crea nun proxecto nacionalista de esquerdas para este país”.

Comentarios