Os partidos fechan as listas de cara ás eleccións do 12X sen apenas novidades

O edil que participou nunha churrascada durante a pandemia desaparece das listas do PSOE e aparición da figura do ex deputado Pancho Casal como candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Marea Galeguista, principais novidades.

Gonzalo Caballero e Ana Pontón, arriba. Pancho Casal, Gómez (imaxe: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero e Ana Pontón, arriba. Pancho Casal, Gómez (imaxe: Nós Diario)

As listas electorais das principais forzas políticas para o próximo 12 de xullo apenas experimentaron algúns cambios puntuais no caso do PSdeG, Galicia En Común-Anova Mareas e Ciudadanos, pero con escaso calado; mentres que se mantiveron sen cambios no caso de PPdeG, BNG e a cabeza de lista de Vox.

O único cambio nas filas socialistas é a saída da candidatura do edil de Betanzos sorprendido nunha churrascada en plena corentena -ocupaba o número 15 pola Coruña-, mentres que cae da lista o número 5 desa mesma provincia de En Común por motivos laborais -é carteiro e agora representante sindical- e Ciudadanos intercambia candidatos de posto e dá saída a algúns nomes.

Á marxe destas modificacións, unha das principais novidades nas eleccións é a incorporación da nova En Marea, xunto con Compromiso -que xa se presentou á anterior cita- e o Partido Galeguista, á carreira cara ás urnas, nas que figura o ex deputado Pancho Casal como candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Marea Galeguista.

PP e BNG, sen cambios

Libres de retoques quedaron as listas do PPdeG, que lidera Alberto Núñez Feixoo como candidato á reelección por cuarta vez, e o Bloque Nacionalista Galego de Ana Pontón.

Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os cesamentos da ducia de altos cargos da Xunta que se incorporan ás listas electorais do PP galego, tal e como aprobou o Consello o pasado venres.

Pola súa banda, fontes do partido que lidera Santiago Abascal confirmaron que repiten a cabeza de lista que o DOG publicara para a convocatoria do 5A. Así, pola Coruña encabeza Ricardo Morado Farjado; Sonia Teijeiro lidera a lista por Lugo; María Jesús Fernández, por Ourense; e Antonio Ramilo Rodríguez, por Pontevedra.

Comentarios