Os partidos fechan a campaña á conquista das persoas indecisas

Conscientes de que o derradeiro escano asignado a cada circunscrición mediante a aplicación do método d'Hont aos votos obtidos por cada candidatura volverá ser determinante nas eleccións xerais deste domingo, as forzas políticas centraron as mensaxes emitidas nos seus actos públicos de feche de campaña nas persoas indecisas.

collage
photo_camera Actos de PSdeG, BNG, En Común-Unidas Podemos, En Marea, PP e Ciudadanos.

BNG e En Marea foron as forzas políticas que antes fecharon a campaña. Fixérono na Coruña e en Vigo, respectivamente, pasadas as 20 horas. Media hora despois, e tamén na Coruña, daba a despedida a estes 15 días En Común-Unidas Podemos e o PSdeG facía o propio, á vez, en Ourense. Foron os únicos catro partidos que optaron por realizaren actos públicos na noitiña da sexta feira para tratar de convencer as persoas indecisas.

Quen aínda non decidiu o sentido do seu voto erixiuse en protagonista principal do último día de campaña, pois as últimas enquisas publicadas advertían de que o derradeiro escano correspondente a cada circunscrición, en base á Lei d'Hont, voltaría a ser determinante. Os partidos tomaron nota e centraron esforzos en conquistar as últimas votantes.

O PP realizara o seu mitin ás 14 horas en Vigo, para que a Alberto Núñez Feixoo lle dese tempo a viaxar a Madrid co fin de acompañar o seu xefe de filas, Pablo Casado, no feche de campaña do PP. Ciudadanos tampouco convocou acto público ningún pola tarde. A franquía do partido laranxa na Galiza anunciara que os seus candidatos e candidatas se reunirían en Compostela para seguir por pantalla o feche do acto a nivel estatal, que está a decorrer en Valencia. Compromiso por Galicia, pola súa parte, optou por un formato reducido. Unha ofrenda floral perante o monumento aos Mártires de Carral para fechar a campaña.

Eis unha ollada aos diferentes puntos de interese informativo da xornada.

bngPontón apela a votar BNG para dar voz a Galiza e frear a dereita

O nacionalismo puxo fin á campaña electoral do 28A con actos ao longo de todo o país. A forza nacionalista amosou músculo no seu mitin nacional, que tivo lugar no Teatro Rosalía da Coruña e onde a portavoz, Ana Pontón, apelou a “responder ao medo e á crispación con ilusión e esperanza”. Defendeu así o “duplo valor do voto ao BNG”, xa que argumentou "serve para dar voz a Galiza e para frear a dereita carca e antigalega gañándolle a Vox e Ciudadanos os escanos que lles disputamos”, en referencia aos estudos publicados que indican que tanto na Coruña como en Pontevedra os escanos en xogo se disputan entre o Bloque e as forzas da dereita española.

Entre os aplausos das persoas asistentes nun ateigado Teatro Rosalía, Ana Pontón animou a votar polo BNG “a todas as persoas que levades Galiza na cabeza e o corazón”. A portavoz nacional dirixiuse tamén a aquelas e aqueles que aínda non teñen o voto decidido mais que desexan que Galiza conte e que ollan con preocupación “esa dereita españolista tirada ao monte”. A todas elas, “votaran ou non ao BNG noutras ocasións” engadiu Pontón, “dígolles que o voto ao BNG ten un valor extra” referíndose ao compromiso do nacionalismo por garantir que Galiza sexa decisiva e para deixar fóra a Vox e Ciudadanos.

Na súa intervención, Pontón recriminoulles ás forzas estatais “pasaren olimpicamente de Galiza” e agora vir as súas candidatas e candidatos pedir o voto. Denunciou así as posicións das forzas estatais “as vellas e as novas, á dereita e á esquerda” por teren recortado 442 millóns de euros para Galiza co goberno do PP mais tamén o recorte de “750 millóns de euros co PSOE e o apoio de En Marea-Podemos”, e preguntou ao público se o rupturismo consistía en ter Galiza os peores orzamentos en 17 anos.

Criticou desta maneira o papel desempeñado polos 23 deputados e deputadas de Galiza que “ás ordes de Casado, Sánchez e Iglesias” fixeron que continuasen os agravios ao noso país.

Tamén tivo palabras para as traballadoras e traballadores de Alcoa, e afirmou que o BNG vai “demostrar que esta factoría ten futuro a partir do 28A cando Galiza sexa decisiva na política do Estado”. Denunciou ademais o “electoralismo barato” dun Feixoo “axitando o medo do feche como se el non fose o presidente ou ignorando que foi o PP quen aprobou un marco enerxético que é unha máquina de destrución masiva de empregos”, mais tamén se dirixiu ao PSOE por atrasar o estatuto electrointensivo.

Lembrou Pontón desde o escenario a necesidade do feminismo, e mencionando a Rosalía de Castro e a María Casares, chamou as mulleres que o 8M encheron as rúas a que o 28A transformen esa forza en papeletas “feministas e de país” co BNG.

Na fin da campaña tamén interveu Néstor Rego, candidato ao Congreso pola Coruña, quen animou a confiar na opción do BNG “todas as persoas decepcionadas coas forzas estatais que nos representaron até o de agora”. Pediulles ás persoas indecisas que queren que Galiza conte, “votasen o que votasen no pasado”, a que neste contexto aposten polo BNG “porque non lles vai fallar”.

Na mañá da sexta feira, o BNG facía público un vídeo de Ana Pontón en que a portavoz nacionalista se dirixía ás persoas indecisas.

 

En Marea reivindica o “voto verdadeiramente útil”

D5GWcqNW4AA_mvIO partido liderado por Luís Villares fechou a campaña no Museo do Mar de Vigo, onde reivindicou “o voto verdadeiramente útil para que as necesidades das galegas e galegos sexan tidas en conta nunha España que recupere dereitos e liberdades”.

Durante o acto, En Marea apelou á “confianza das galegas e galegos” e apostou no proxecto dunha “forza política que será a única garantía de que as necesidades de Galiza sexan tidas en conta nun Estado capaz de frear a dereita”.

No mitin de feche de campaña, o portavoz de En Marea e as cabezas de lista polas catro circunscricións chamaron a impulsar “unha Galiza con voz propia nun Estado que recupere dereitos e liberdades para todas”.

Así, Villares sinalou que En Marea vai ser “decisiva” para “frear a dereita” e para evitar que “o PSOE escore á dereita e pacte con Ciudadanos”. Tamén para evitar que “PSOE e Podemos volvan esquecer Galiza e recorten os investimentos que precisamos para desenvolvernos como país, como fixeron nos últimos orzamentos do Estado”.

Nas últimas horas da campaña electoral, Villares e as candidatas de En Marea -Ana Seixas pola Coruña; Cristina Pérez, por Lugo; Iris Malvido, por Pontevedra, e Iván Olmos, por Ourense, mantiveron un encontro con científicas e investigadoras, ante quen En Marea se comprometeu a traballar para rachar cos “teitos de cristal que aínda lastran as carreiras femininas impulsando unha reforma da Lei de Igualdade”.

“Hai que incluír expresamente a non discriminación da muller na carreira científica. Hoxe en día as mulleres sofren unha penalización porque durante o permiso por maternidade non realizan publicacións e son posteriormente penalizadas por iso. Isto non pode acontecer máis, e unha lei como a de Igualdade debe incluír isto e trasladalo despois á Lei de Ciencia e á Lei Orgánica de Universidades. Tamén son necesarios comités paritarios de avaliación para que as mulleres estean representadas en igualdade de condicións que os homes. Algo que non está acontecendo nin no 15% dos casos”, sinalou o portavoz de En Marea.

En Común-Unidas Podemos pon o foco na mocidade

unnamedQue “a xuventude tome nas súas mans o seu propio futuro para ser a xeración do cambio na Galiza”. Esta foi a mensaxe máis repetida polas candidatas e candidatos de En Común-Unidas Podemos durante o acto público de feche de campaña, que decorreu na sala Filomatic da Coruña.

A coalición apelou a mocidade a “ser decisiva” nas eleccións do próximo domingo. “Levades esperando desde o 15M a que outras xeracións abran paso ao cambio na Galicza, pero xa está claro que isto se atrasa e só vós podedes tomar a iniciativa para definir o voso futuro", afirmou Yolanda Díaz, candidata de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra.

Díaz tamén chamou a “construír un país democrático, feminista, republicano e igualitario que sexa capaz de crear un horizonte de esperanza para o planeta”.

O seu homólogo pola Coruña cargou contra o PSOE, a quen acusou de non arranxar os problemas que afectan á xente moza, “sobre todo se o seu plan é facer vicepresidente Rivera [por Albert, líder de Ciudadanos]”. “Non queren derrogar as reformas laborais que vos condenan á precariedade e á emigración, non van regular os alugueiros para frear os abusos dos especuladores que vos impiden acceder a unha vivenda e non van facer un sistema educativo accesíbel para todos e todas con matrículas universitarias gratuítas”, advertiu Antón-Gómez-Reino, quen tamén aludiu á loita contra o cambio climático.
 

Gómez-Reino concluíu a súa intervención poñendo de manifesto que “Galiza marca a diferenza e o camiño no conxunto do Estado. Temos que mobilizar todo o mundo. Nesta campaña crecemos moito e fáisenos curta, cada día notamos máis o apoio da xente pola rúa e en cada acto”. “Estamos convencidas de que imos ser quen de deter as dereitas e levar a voz dos galegos e galegas ao Goberno”, salientou.
 

No acto tamén estiveron presentes as outras cabezas de lista de En Común-Unidas Podemos ao Congreso e ao Senado. Previamente, participaran na manifestación do persoal de Alcoa e durante a mañá, nun acto público con Juan Carlos Monedero na facultade de Ciencias Políticas da USC.

O PSOE chama ao “voto útil” para “frear a dereita reaccionaria”

D5GcsbIW4AA4QUMO secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou esta tarde no feche de campaña na cidade de Ourense, onde fixo unha apelación, en chave estatal, a “aglutinar o voto no PSOE para dar a Pedro Sánchez catro anos máis como presidente do goberno”. “Hai que concentrar todos os votos progresistas no PSOE para frear o risco de involución coa dereita e a ultradereita”. “O teu voto decide se o domingo segue o progreso ou se se impón o retroceso”, sinalou.

Na festa-mitin que puxo o broche final á campaña, Gonzalo Caballero pediu o voto para o PSOE por última vez para “non volver atrás, a unha etapa que críamos superada e que pode reeditarse se non evitamos que ás dereitas e á ultradereita lles dean as contas”. Facía así alusión ás declaracións de Pablo Casado, que na mañá da sexta feira recoñecía por vez primeira publicamente que está disposto a que o PP pacte con Vox.

Xustificou a súa petición o máximo dirixente do PSdeG en que o goberno de Sánchez dedicou os últimos 10 meses “a tomar medidas que beneficiaron a maioría” e fixo fincapé en que o PSOE “é a única forza con determinación e capacidade para construír un país mellor e o único voto útil para frear a dereita reaccionaria”.

Finalizou a súa intervención Caballero cunha referencia explícita á política galega, “se gañamos as eleccións xerais na Galiza, gañaremos as municipais o mes que vén e amosarémoslle a Feixoo a saída de San Caetano”.

 

O PP non fecha na Galiza para que Feixoo arroupe Casado en Madrid

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, desbotou fechar a campaña en Galiza e acudiu a Madrid para arroupar Pablo Casado no seu mitin final no WiZink Center. Feixoo continúa así na liña intensa do PP en clave recentralizadora. Ademais, avogou en todos os mitins por concentrar o voto da dereita no PP e facer posíbel o 155.

pp

Antes de viaxar a Madrid, esta sexta feira pola mañá, Feixoo participou no seu derradeiro acto público de campaña en Vigo, onde solicitou non restar escanos e posibilidades de goberno ao PP. Afirmou que o dos populares será o mellor executivo para España e para Galiza, porque tal goberno só se deberá aos españois, garantirá a igualdade de oportunidades, xestionará e creará emprego, co que por tanto, crecerá a economía e asegurará a prestación dos servizos públicos. Neste senso, Feixoo avogou por “unha España mellor e máis unida e non por unha España que nos recorde ao pasado”.

Ciudadanos finaliza a campaña en Galiza cunha rolda de prensa

marta riveraA candidata de Ciudadanos ao Congreso pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz, declarou en rolda de prensa esta sexta feira pola tarde que “chegan ao remate da campaña con moi boas sensacións”, e salientou que Galiza “merece un cambio que se chama Ciudadanos”.

Rivera fixo balance da campaña electoral e subliñou que foi “intensa, con bo percorrido tras ver moita xente e escoitar o que nos tiñan que dicir”, e dirixiuse ás persoas indecisas para formularlles que “se as cousas non funcionan, non se pode votar polo de sempre”

Lembrou que neste último día de campaña, as candidatas e candidatos de Ciudadanos visitaron Fisterra, “Fin da terra e o comezo doutra etapa”.

Compromiso por Galicia homenaxea os Mártires de Carral

cxgCarral foi o concello elixido por Compromiso por Galicia para pór o broche á campaña das eleccións xerais do 28A.

Ante o monumento aos Mártires de Carral, símbolo da represión sobre o primeiro pronunciamento galego e liberal de 1846, interveu Xoán Manuel Bastida como candidato ao Congreso pola Coruña. Elixiron este espazo polo seu simbolismo coa defensa dos intereses do país e as liberdades.

Desde Carral, Bastida realizou un chamamento á participación no domingo para que as galegas e galegos acudan a votar e para que o faga en clave galega. Advertiu de que se vai dar nesta lexislatura unha reconfiguración do Estado e Galiza ten que ter voz, representación e forza propia como as nacións vascas e catalás para non quedar atrás.

Comentarios