DEBATE AO REDOR DO EURO

Partidos da esquerda europea chaman a acabar coas políticas de austeridade

Partidos de esquerda con representación no Parlamento europeo debateron este sábado como garantir os dereitos das persoas fronte ás imposicións da troika e ás políticas de austeridade.

XORNADAS

Máis de medio cento de persoas participaron este sábado na xornada “A esquerda europea: garante dos dereitos das persoas fronte as políticas de austeridade”, unha serie de palestras nas que se abordaron as problemáticas da ditadura do euro e da austeridade. “O balanzo da xornada foi moi positivo na medida en que falamos abertamente do que representa o euro e do que supoñen as políticas de austeridade, que nos afectan a todos os pobos da UE, sobre todo ao sur, sen esquecer que no Sur hai Norte e no Norte hai Sur”, apuntou en declaracións a Sermos Galiza, Lidia Senra, eurodeputada de AGE, formación política que organizou as palestras.

Lidia Senra: “Coincidimos todos e todas en cuestionar a ditadura do euro e a imposición da troika”

Lidia Senra salientou que a abordaxe da xornada “foi ampla” e determinouse a “necesidade de traballar coordinadamente e de dar a batalla co obxectivo de manter os dereitos das persoas e para poñelos sobre os intereses do capital e das multinacionais”. “Hai coincidencia nas liñas nas que se pretende traballar”, afirmou a deputada no Parlamento europeo, quen advertiu de que houbo intervencións a prol da saída do euro e outras a prol da súa permanencia. “Coincidimos todos e todas en cuestionar a ditadura do euro e a imposición da troika”, engadiu Lidia Senra, quen apelou a “seguir reflexionando”.

“Non se trata dun punto de chegada, senón dun punto de partida, porque cómpre seguir abrindo debates sobre a situación actual e sobre como atallar as problemáticas que estamos padecendo”, apuntou a europarlamentar, quen aludiu ás imposicións da UE a Syriza cando o grupo político grego tratou de avanzar contra as medidas de austeridade.

Entre as persoas participantes das palestras, amais de Lidia Senra, atopáronse Joan Tafalla (doutor en Historia e membro da asociación Expai Marx), Daithí Doolan (concelleiro do Sinn Féin en Dublín), Ramón Franquesa (profesor na Universidade de Barcelona), Antón Sánchez (deputado de AGE), Yolanda Jubeto (doutora en Economía pola Universidade do País Vasco e activista feminista), Fabio De Masi (eurodeputado polo Die Linke), Yiannis Tolios (membro do Consello Político de Unidade Popular de Grecia e Director do Centro de Investigación Marxista MAXOME), Joana Mortágua (deputada do Bloco de Esquerdas) e Xosé Manuel Beiras (portavoz de AGE no Parlamento).

Comentarios