O Partido Popular acode ao auxilio de Jácome: o PP regresa ao Goberno do Concello de Ourense

As concellarías cuxa responsabilidade asumen os populares son: Deportes, Facenda, Medio ambiente, Servizos sociais, Comercio-termalismo-turismo e Urbanismo.

onzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular regresa ao Goberno local de Ourense, segundo informou na tarde desta quinta feira o propio Concello a través dun comunicado. Unha nova que chega após días nos que desde os populares ourensáns fixeran as beiras ao retorno ao Executivo que dirixe Pérez Jácome.

Deste xeito, Democracia Ourensana -formación que lidera o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome- chegou ao acordo co grupo municipal do PP para que os concelleiros populares "se integren e asuman a dirección de varias áreas" no Concello de Ourense.

As concellarías cuxa responsabilidade asumen os populares son: Deportes, Facenda, Medio ambiente, Servizos sociais, Comercio-termalismo-turismo e Urbanismo.

Ademais, a Xunta de Goberno Local estará formada por tres concelleiros de Democracia Ourensana e tres do Partido Popular.

Democracia Ourensana deixara a porta aberta á renovación da colaboración desde o mes de setembro, e comprometeuse a "considerar" as demandas efectuadas polo PP, quen de forma recíproca garantíu considerar os puntos de Democracia Ourensana.

Os decretos das delegacións pertinentes teñen que estar efectuados antes do próximo pleno municipal que se realizará o 2 de xullo.

Para "ser útiles"

Ao fío desta reactivación do Goberno municipal que xa era agardada após as declaracións das últimas semanas, os populares explicaron que quixeron volver para "ser útiles a Ourense e mellorar a calidade de vida dos ourensáns".

Baixo o seu punto de vista, o bloqueo ao que chegara a cidade cun Executivo local de tres persoas "xa non pode durar máis" e confía en que dez persoas teñan máis opcións de sacar proxectos adiante.

"Esta foi unha negociación fundamentada sobre como podemos servir aos ourensáns e cales son as prioridades que debemos atallar canto antes", xustificou a formación política.

Mais o feito de que os populares dificultaran unha moción de censura, co socialista Rafael Villarino como explicación, e agora retomen a relación política con Democracia Ourensá implicou críticas.

Críticas ao regreso

O portavoz do BNG, Luís Seara, afirmou que o sucedido era a "crónica dunha volta anunciada", pois o PP "nunca exerceu de oposición" deste que rachou o pacto no mes de setembro.

Desde o seu punto de vista, estivo dedicado a "manter o Concello sumido no caos e na parálise". Por iso, acúsao de "non pensar nos veciños, senón nos seus propios intereses partidistas".

"O PP demostra que non lle importa nada os veciños de Ourense e tamén que a oferta da moción de censura era unha auténtica pantomima pois sabían perfectamente que non se ía a asinar", recriminou o nacionalista.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou a alianza entre Partido Popular e Democracia Ourensá como "unha falta de respecto aos ourensáns".

Comentarios