O Partido Popular principia a lexislatura cunha vintena de normas pendentes tras o ritmo lexislativo máis baixo en vinte anos

Na X lexislatura, pese a ostentar a maioría absoluta na Cámara galega, o partido no Goberno só aprobou 22 textos legais incluíndo os relativos aos presupostos. Ficaron na gaveta a lei de impulso demográfico, a do xogo ou a lei de emprego xa prometida na carreira electoral de 2016.
Alberto Núñez Feixoo no seu escano xunto a Alfonso Rueda e Valeriano Martínez, con Pedro Puy e Miguel Tellado detrás (Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo no seu escano xunto a Alfonso Rueda e Valeriano Martínez, con Pedro Puy e Miguel Tellado detrás (Arxina).

Alberto Núñez Feixoo arrancará no mes de setembro o seu cuarto mandato, marcado pola xestión da pandemia do coronavirus, cunha vintena de leis xa comprometidas. Entre elas, a lei de impulso demográfico, un dos proxectos “estrela” do Partido Popular no que o Goberno galego avanzou na pasada lexislatura e que ficou pendente de tramitación e aprobación na Cámara galega.

A X foi a lexislatura con menos leis aprobadas e fechou cunha acumulación de propostas, entre as que figura a norma coa que o Partido Popular quere estimular os nacementos. En xaneiro, a oposición criticou a falta de orzamento, calendario de acción e medidas dun texto que se poderá aprobar grazas á maioría absoluta dos escanos populares.

Outra das normas que continúan na gabeta a esperas dunha luz verde no Parlamento é a do xogo, que xa estaba prevista no plan normativo do Executivo galego en 2018. Tamén a da ordenación do territorio, a de residuos e solos contaminados, a de pesca continental, a de museos ou a de acción exterior e cooperación.

A maiores, o grupo popular principia a XI lexislatura co obxectivo de aprobar unha lei de desenvolvemento da Galiza intelixente, outra sobre arquitectura ou unha lei de infancia e de adolescencia. Tamén co de renovar a normativa sobre prevención e extinción de incendios forestais. Tras a vaga de lumes de 2017, unha comisión experta aconsellou a Xunta sobre a folla de ruta a seguir, mais o propio persoal do servizo de extinción lamenta que a Administración galega apenas a implementou nestes tres anos.

Alén das poucas normas aprobadas na pasada lexislatura, na que o PP tamén ostentou a maioría absoluta, ningún dos plans normativos publicados no portal de transparencia da Xunta foron cumpridos na súa totalidade. Penden está, por exemplo, a lei de emprego que xa figuraba nos obxectivos lexislativos do Executivo galego para 2017.

Apenas unha vintena de leis foron aprobadas entre 2016 e 2020 no Parlamento da Galiza, o ritmo lexislativo máis baixo das últimas dúas décadas. En 2018 só tres textos recibiron luz verde: a propia lei de presupostos, que debe tramitar e aprobar cada ano, xunto coa de medidas fiscais e administrativas que a acompañaba, comunmente denominada ‘de acompañamento’ e mais unha reforma da lei de saúde fortemente criticada por sindicatos e colectivos sanitarios.

Comentarios