A xenófoba Alternativa por Alemaña, por primeira vez no Parlamento

O partido de Merkel despraza o SPD do goberno no länder de Schleswig-Holstein

A CDU de Merkel obtivo unha clara vitoria nas eleccións celebradas este domingo 7 de maio en Schleswig-Holstein, un pequeno estado ao norte de Alemaña colindante con Dinamarca e gobernado polos socialdemócratas dende o ano 2012. O chamado“efecto Schülz”, en referencia ao resurxir da socialdemocracia de SPD, comeza a perder forza a tan só cinco meses das eleccións xerais. 

schleswig-holstein parlamento

Os resultados dos comicios deixaban o CDU cun 33% dos votos. O SPD de Martin Schulz obtiña un 26% dos votos, un forte descenso se o comparamos co 30’4% obtido nas últimas eleccións. Porén, os cristiáns demócratas non poderán gobernar sós con este resultado aínda que si impedirán que SPD continúe a gobernar en coalición co partido verde e SSW (que representa á minoría danesa do estado).

Esta vitoria dos cristián demócratas sobre SPD é a segunda no que levamos de ano en eleccións rexionais após a derrota do partido no lander de Sarre. A subida que experimentaran os socialdemócratas nas sondaxes despois de que Schulz se presentase como candidato á chanceller para as vindeiras eleccións de setembro parece perder forza agora que só quedan cinco meses para as furnas de setembro.

En canto ao resto de partidos, Os Verdes obtiveron o seu mellor resultado cun 12,9% dos votos e Die Linke sube tamén obtendo un 3,3%. A sorpresa deuna  a extrema dereita da AfD, o partido antiinmigrantes de Frauke Petry e Jörg Meuthen, que entrará por primeira vez no parlamento cun 5,9% dos votos. Malia isto, a ultradereita perde forza tendo en conta que chegou a estar no 10% durante a crise dos refuxiados.

A vitoria de CDU é o resultado dunhas eleccións nun estado no que entre os principais temas tratados durante a campaña atopamos a construción de novas escolas, os atascos ou o desenvolvemento de enerxía eólica. Non obstante, as reaccións que provocaron estes resultados a nivel nacional  no país xermano demostran que foron unhas eleccións moito máis significativas que uns simples comicios rexionais.

A próxima semana terán lugar as eleccións rexionais por excelencia en Renânia do Norte-Vestfália, o estado máis poboado de Alemaña. Trala remontada dos socialdemócratas, CDU e SPD achéganse á data moi igualados nas sondaxes. 

Comentarios