domingo 19/09/21

O Partido Galego insta a Xunta a declarar o Couto Mixto como territorio histórico de interese cultural

A formación galeguista reclama protección para o Couto Mixto e urxe a Xunta a empregar fondos europeos para erguer o rural e parar de discriminalo.

 

Membros do Partido Galego no Couto Mixto
Membros do Partido Galego no Couto Mixto (Foto: Nós Diario).

O Partido Galego desenvolveu esta sexta feira, 13 de agosto, una xornada no Couto Mixto que iniciou cunha lectura dun manifesto ao que seguiu a recepción polo Alcalde de Calvos de Randín e posteriormente a do rexedor de Baltar. Á noite desta sexta feira está tamén prevista a recepción polo presidente da Cámara de Montalegre, onde haberá unha cea de confraternidade.

O manifesto do Partido Galego sinala que o Cuto Mixto foi unha realidade de seu de 27 quilómetro cadrados, unha república, que na parte galega-ourensá esta formada por Meaus dos Mixtos, da parroquia de Tosende, que pertence ao Concello de Baltar; e Rubías e Santiago dos Mixtos, que é parroquia e pertence ao Concello de Calvos de Randín.

Na parte portuguesa é coñecida como o Alto Barroso e todos os lugares pertencen ao Concello de Montalegre (Tourém, Pitoes das Junias, Mourilhe, Sabucedo, Donoes, Padroso e Sendín).

No manifesto, o Partido Galego reclama á Xunta da Galiza para este territorio, ao amparo do artigo 10 da Lei de Patrimonio cultural da Galiza, a súa declaración como territorio histórico de interese cultural. Mais tamén en base ás verbas de Vicente Risco e os datos da poboación destes territorios “debemos ir moito maia alá”, sinalan, indicando que Vicente Risco, homenaxeado polo Partido Galego o pasado 25 de xullo, afirmaba “que o aspecto dos pobos e do país a un e outro lado da Raía é idéntico”

No manifesto, sinalan que Couto Mixto, segundo Madoz en 1845 tiña 200 veciños que equivalían a 800 habitantes. En 1864, na opinión do derradeiro xuíz elixido democraticamente, a poboación non excedía dos 1000 habitantes. García Maña, estudoso do Couto Mixto estima que nos mellores momentos unha poboación de 960 habitantes. Risco destaca ademais que o aspecto do país e dos seus habitantes é idéntico a ambos lados da Raia, tanto no que atinxe aos seus aspectos antropolóxicos, trazos físicos, carácter e costumes, como nas clases de cultivos, métodos de traballo da terra, tipoloxía de vivenda etc.

Se nos centramos na evolución da poboación, sinala o manifesto, parte fundamental da revitalización ou da progresiva extinción dun territorio, no século XX, resulta o seguinte: A poboación do Estado español medrou arredor de 115% (de 18.617.000 a 40.202.000) Galiza só creceu na franxa costeira, e fíxoo con 38%. Mentres , a provincia de Ourense decreceu 15% (cunha comparativa coa actualidade decreceu 23,26%) . Nos concellos de Calvos de Randín e Baltar a diminución é de 59%. O Couto Mixto tivo unha diminución de 81%

Pola contra, no outro lado da Raia, no Alto Barroso de Montalegre, a poboación só decreceu lixeiramente.

Por estes datos o Partido Galego fixo este manifesto para “parar esta declive xa, esta galopante extinción do Couto Mixto, dos concellos de Baltar e Calvos de Randín, e tamén da provincia de Ourense. Os fondos europeos para a recuperación do rural hai que investilos xa na Baixa Limia, e no rural ourensán. Que non nos rouben o que é noso. O Partido Galego chama os galegos e sobre todo a poboación do rural a crer en nós mesmos e a sacar de encima de nós a resignación. Viva a Galicia que esperta, viva a euro rexión Galicia-Norte de Portugal”.

comentarios