Dupla cita electoral

A participación sobe 12 puntos nas europeas e apenas 1 nas municipais

Os primeiros datos de participación ofrecidos polo Ministerio do Interior informan dun 34,24% na porcentaxe de persoas que acudiron ás urnas até as 14 horas para votar nas eleccións municipais a respecto de 2015. A respecto das europeas, a participación aumenta máis de 12 puntos, pois votou até as 14 horas un 32,95% do censo, cando en 2014 votara até as 14 horas o 20,9%.

d0df4e47-f4dc-43f2-b087-194724ffebe6
photo_camera [Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral en Cerceda

A participación nas eleccións municipais é lixeiramente superior á rexistrada en 2015. Así, até as 14 horas votou no conxunto da Galiza un 34,24% do censo.  Nas anteriores eleccións municipais, que decorreran en maio de 2015, a participación era ás 14 horas do 33,28% e ascendera ao 50,97% ás 18 horas.

Por cidades, a participación era ás 14 horas na Coruña do 31,02%, fronte ao 31,23% de 2015; en Compostela, do 32,62%, fronte ao 30,18% de 2015; en Ferrol, do 33,1%, fronte ao 30,36% de 2015; en Pontevedra, do 33,22%, fronte ao 32,59% de 2015; en Vigo, do 33,49%, fronte ao 32,28% de 2015; en Lugo, do 29,64%, fronte ao 29,26% de 2015, e en Ourense a participación rexistrada até as 14 horas foi do 33,35%, fronte ao 32,68% das anteriores municipais.

Participación nas eleccións europeas

A respecto das eleccións europeas, en 2014 e até as 14 horas, votara na Galiza o 20,9% do censo electoral, hoxe, o 32,95%. O aumento é, por tanto, de máis de 12 puntos, unha suba que se explicaría debido á coincidencia das dúas eleccións.

Comentarios