Catalunya bate outra marca: sobe en 17,8 puntos

A participación, en case o 59%, aumenta máis de sete puntos na Galiza

Os primeiros dados de participación nas eleccións xerais fornecidos polo Ministerio do Interior reflectían unha suba de case tres puntos porcentuais na Galiza en relación aos comicios de 2016. Os datos desta tarde indican que o aumento é xa de sete. Situámonos nunha participación do 58,93%.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Electoras e electores agardando para entrar nun colexio electoral da Coruña

As últimas cifras de participación nas eleccións xerais, fornecidas ás 18.30h polo Ministerio do Interior, continúan coa tónica da mañá e reflicten un aumento a respeito dos comicios do 26 de xuño de 2016. No caso da Galiza, hai tres anos rexistrábase até as 18 horas o 51,68% de participación, fronte ao 58,92% de hoxe.

Dados por circunscricións

Por circunscricións, na Coruña a participación pasou do 51,51% de 2016 ao 58,61% desta tarde. En Lugo, acadouse o 49,28% en 2016 fronte ao 56,71% de hoxe. Tamén aumentou en Ourense, onde pasa 50,2% ao 58,43% e en Pontevedra, do 53,29% de 2016 ao 60,28% de hoxe.

Dados por cidades

A cidade que máis votou até as 18 horas foi Vigo, cun 61,46% de participación, fronte ao 53,43% de 2016; seguida de Pontevedra, cun 60,26% fronte ao 53,95% de 2016; A Coruña, cun 59,9% fronte ao 52,41% de 2016; Compostela, cun 59,3% fronte ao 50,36% de 2016; Ferrol, co 58,63% fronte ao 52,85% das anteriores xerais; Ourense, co 57,65% fronte ao 47,06% da anterior cita e Lugo, co 57,01% fronte ao 47,9% de 2016.

Dados a nivel estatal

En Catalunya bateuse outra marca histórica, pois a participación aumentou en 17,8 puntos a respecto de 2016. Pasouse do 46,38% das anteriores xerais ao 64,20%, isto é, até as 18 horas de hoxe votou case a mesma porcentaxe de persoas que votaran unha vez fechados os colexios das eleccións de 2016. En Euskadi a suba é de 9 puntos, ao pasarse do 51,36% de 2016 ao 60% de 2019. A suba no conxunto do Estado é tamén de 9 puntos, do 51,21% de 2016 ao 60,76% de 2019.

Galiza (58,93%) sitúase entre os cinco territorios do Estado cunha menor participación ás 18 horas, por diante de Asturias (58,67%, Andalucía, 57,25%, Balears, 54,42% e as Canarias, que até as 17 horas rexistraban un 50,98% de participación. No sentido contrario, á cabeza, sitúanse Madrid (65,11%), Catalunya (64,20%), Cantabria (63,65%), Castela A Mancha (62,35%) e Aragón (62,32%).

Dados da mañá

Até as 14 horas votou hoxe na Galiza o 36,97%, 2,9 puntos porcentuais de diferenza a respecto da participación rexistrada nos anteriores comicios. Por circunscricións, na Coruña a porcentaxe de participación entre as 9 horas e as 14 horas situábase no 36,64% cando en 2016 se situaba no 33,29%. En Lugo, a participación era do 35,21 e en 2016, do 31,19%. En Ourense rexistrouse un 37,87% de participación fronte ao 34,73% das anteriores xerais. E en Pontevedra votou entre as 9 horas e as 14 horas desta xornada o 37,70% cando en 2016 a participación era do 35,85%.

As seguintes cifras de participación coñeceranse ás 20 horas, cando fechen os colexios electorais. En 2016, a participación acadara na Galiza o 69,63% e nas anteriores, as de decembro de 2015 situárase no 61,53%. O Ministerio do Interior informará dos resultados provisionais das eleccións pasadas as 22 horas.

Comentarios