As últimas cifras de participación nas eleccións xerais, fornecidas ás 18.30h polo Ministerio do Interior, continúan coa tónica da mañá e reflicten un aumento a respeito dos comicios do 26 de xuño de 2016. No caso da Galiza, hai tres anos rexistrábase até as 18 horas o 51,68% de participación, fronte ao 58,92% de hoxe.
Dados por circunscricións
Por circunscricións, na Coruña a participación pasou do 51,51% de 2016 ao 58,61% desta tarde. En Lugo, acadouse o 49,28% en 2016 fronte ao 56,71% de hoxe. Tamén aumentou en Ourense, onde pasa 50,2% ao 58,43% e en Pontevedra, do 53,29% de 2016 ao 60,28% de hoxe.
Dados por cidades
A cidade que máis votou até as 18 horas foi Vigo, cun 61,46% de participación, fronte ao 53,43% de 2016; seguida de Pontevedra, cun 60,26% fronte ao 53,95% de 2016; A Coruña, cun 59,9% fronte ao 52,41% de 2016; Compostela, cun 59,3% fronte ao 50,36% de 2016; Ferrol, co 58,63% fronte ao 52,85% das anteriores xerais; Ourense, co 57,65% fronte ao 47,06% da anterior cita e Lugo, co 57,01% fronte ao 47,9% de 2016.
Dados a nivel estatal
En Catalunya bateuse outra marca histórica, pois a participación aumentou en 17,8 puntos a respecto de 2016. Pasouse do 46,38% das anteriores xerais ao 64,20%, isto é, até as 18 horas de hoxe votou case a mesma porcentaxe de persoas que votaran unha vez fechados os colexios das eleccións de 2016. En Euskadi a suba é de 9 puntos, ao pasarse do 51,36% de 2016 ao 60% de 2019. A suba no conxunto do Estado é tamén de 9 puntos, do 51,21% de 2016 ao 60,76% de 2019.
Galiza (58,93%) sitúase entre os cinco territorios do Estado cunha menor participación ás 18 horas, por diante de Asturias (58,67%, Andalucía, 57,25%, Balears, 54,42% e as Canarias, que até as 17 horas rexistraban un 50,98% de participación. No sentido contrario, á cabeza, sitúanse Madrid (65,11%), Catalunya (64,20%), Cantabria (63,65%), Castela A Mancha (62,35%) e Aragón (62,32%).
Dados da mañá
Até as 14 horas votou hoxe na Galiza o 36,97%, 2,9 puntos porcentuais de diferenza a respecto da participación rexistrada nos anteriores comicios. Por circunscricións, na Coruña a porcentaxe de participación entre as 9 horas e as 14 horas situábase no 36,64% cando en 2016 se situaba no 33,29%. En Lugo, a participación era do 35,21 e en 2016, do 31,19%. En Ourense rexistrouse un 37,87% de participación fronte ao 34,73% das anteriores xerais. E en Pontevedra votou entre as 9 horas e as 14 horas desta xornada o 37,70% cando en 2016 a participación era do 35,85%.
As seguintes cifras de participación coñeceranse ás 20 horas, cando fechen os colexios electorais. En 2016, a participación acadara na Galiza o 69,63% e nas anteriores, as de decembro de 2015 situárase no 61,53%. O Ministerio do Interior informará dos resultados provisionais das eleccións pasadas as 22 horas.