Catro deputados de En Marea non apoian a abstención do seu grupo nunha proposta do BNG sobre Catalunya

Ausentáronse no momento de votarse a iniciativa. Outros tres parlamentares votaron embora ser partidarios de apoiar a PNL do Bloque.

Luis Villares, portavoz de En Marea.

Catro deputados de En Marea evitaron apoiar a abstención do seu grupo parlamentar a respecto dunha iniciativa do BNG na que se solicitaba unha saída política ao proceso de Catalunya e a fin da aplicación do 155.  Concretamente, non estiveron presentes na votación o vice-portavoz de En Marea, Antón Sánchez nin Davide Rodríguez (ambos os dous de Anova); Paula Vázquez Verao (Cerna); e Ánxeles Cuña, independente.  A proposta presentada polo BNG tivo o voto en contra de PP e PSdeG.

A proposición non de lei (PNL) demandou no Parlamento “manifestar o rexeitamento á criminalización e xudicialización, así como o recorte de dereitos e liberdades, que está a levar adiante o goberno español diante dun conflito político” como o catalán e, ao mesmo tempo, instar o Goberno central á suspensión da aplicación do artigo 155. A iniciativa tamén insta o goberno español a asumir o dereito á autodeterminación, recoñecer o carácter nacional de Galiza, Euskadi e Cataluña. E pide a fin da política de encarceramento sobre os membros do Govern e representantes de colectivos sociais cataláns.

.

Debate

Segundo Europa Press, En Marea decidiu, por un voto de diferenza  absterse ante a iniciativa do BNG mais catro parlamentares optaron por non estar presentes no pleno no momento de premer o botón. Outros 3 deputados, segundo estas mesmas fontes, elixiron respectar a disciplina de voto embora estar a favor de apoiar a iniciativa do BNG. Un deles é o portavoz parlamentario, Luís Villares.

Non é esta a primeira ocasión en que se evidencian as diferenzas en En Marea a respecto da cuestión nacional. A principios de outubro 4 deputados (tres do sector oficial de Podemos e unha de Esquerda Unida) desmarcáronse da decisión de apoiar unha iniciativa do BNG na que se pedía "respectar o dereito de autodeterminación dos pobos e a vontade expresada polo pobo catalán no referendo".

Comentarios