O Parlamento vota esta terza os Orzamentos da Galiza de 2022

O Parlamento galego despide o ano votando os Orzamentos da Xunta para 2022. Ademais, o PP leva ao pleno unha iniciativa para posicionar a Cámara galega contra o dereito de autodeterminación.
 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego (Foto: Parlamento galego).
photo_camera O PP pedirá no último pleno do ano o apoio de todos os grupos á Constitución española (Foto: Parlamento da Galiza)

A sesión plenaria desta semana no Parlamento galego, a última do ano, inicia esta terza feira, 21 de decembro, co debate e votación final dos Orzamentos da Xunta para 2022, que ascenden a 11.627 millóns de euros.

Son "os máis altos da historia da Galiza", destacou en rolda de prensa a vice portavoz do PP no Pazo do Hórreo, Paula Prado, esta segunda feira, garantido que servirán para "avanzar cara á reactivación e recuperación económica" tras a pandemia.

A cifra é 0,55% superior á do orzamento de 2021 (11.563 millóns). Porén, o Goberno galego sinala que se dá un incremento de 6,9% respecto ás contas vixentes ao descontar delas 685 millóns extraordinarios procedentes dos fondos Covid, aínda que das contas de 2022 o que non descontan son os os 220 millóns do IVE adebedado á Galiza de 2017 que o Estado entregará agora. 

Na rolda de prensa, Prado lamentou as "críticas infundadas da oposición" ao proxecto de orzamentos, en que "sete de cada dez euros" están destinados a políticas sociais e "máis de 4.500 millóns" de euros son para a sanidade pública. 

En concreto, son 4.588,7 millóns de euros os consignados para a Consellaría de Sanidade, co que fica case na mesma cifra que en 2021 (4.587,1 millóns). Aliás, a Atención Primaria, cuxo colapso e falta de persoal é recoñecido por Goberno e oposición, verá reducida a súa asignación para o ano que vén: 1.389 millóns fronte aos 1.391 de 2021.

Iniciativa do PP contra o dereito de autodeterminación

Após o pleno de orzamentos da mañá, iniciará o pleno ordinario. Este inclúe na orde do día unha proposición non de lei do PP para rexeitar a independencia da Galiza ou de calquera outra territorio do Estado, así como para reafirmar o "compromiso" da Cámara coa Constitución española e o Estatuto de Autonomía.

A iniciativa, explicou Prado, ten o obxectivo de "ver que defende" o BNG de Ana Pontón, ao que considera "o máis radical da súa historia". A popular exemplificou esta afirmación sinalando que o Bloque demanda unha tarifa eléctrica galega, "exixe nacionalizacións forzosas de empresas" e convidou o deputado Gabriel Rufián (ERC) a unha conferencia.

O 40 aniversario do Parlamento, que se conmemorou este domingo, supón para Prado "o momento oportuno" para que a Cámara "renove o seu compromiso e apoio" á Constitución española e ao Estatuto.

Comentarios