O Parlamento volve debater como pór couto á contratación "a dedo" da Xunta

O grupo socialista pide fixar un protocolo de actuación ante estes casos.
Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).

Catro de cada dez contratos da Xunta da Galiza foron en 2022 adxudicados mediante negociados sen publicidade ou ben como contratos menores. Entre o ano pasado e 2021 a Administración galega adxudicou 1.800 millóns sen concurso nin publicidade, o que se coñece popularmente como "a dedo".

Estabelecer algún sistema de control ou realizar unha auditoría sobre estas adxudicacións centran varias propostas que tanto desde o BNG como desde o PSdeG veñen presentado ao longo destes meses. Sen éxito, pois a maioría do PP na Cámara galega impediu até o de agora que estas iniciativas saísen adiante.

Esta quinta feira, unha proposición non de lei presentada polo PSdeG volve á carga con este tema. O deputado Pablo Arangüena pide á Cámara que inste o Goberno galego a "que adopte as medidas necesarias para garantir que a contratación pública no ámbito da súa competencia cumpra os principios de igualdade, non discriminación e transparencia e respecte a libre competencia".

Entre as propostas a este respecto, sinala que se encargue á Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) unha avaliación sobre estas adxudicacións  e contratos. "Nos datos estatísticos sobre contratación no ámbito da Xunta correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021 podía observarse que 39,2% dos contratos das Consellarías e entidades dependentes da Xunta adxudicáronse" a través dun  procedemento "a dedo", argumenta o socialista.

A semana pasada, o PP vetou no Parlamento galego unha iniciativa presentada polo BNG que demandaba realizar "unha auditoría externa sobre os 889 millóns de euros en contratos "a dedo" do Sergas.

Millóns de euros

En 2022 a Xunta realizou 45% da súa contratación a través dalgunhas destas vías, o que supuxo a adxudicación de ao redor de 950 millóns de euros. Algo menos da metade dos máis de 2.100 millóns de euros que a Administración galega —os datos tamén inclúen os entres instrumentais e o Sergas, principal responsábel desta factura— licitou durante o ano pasado.

Estas cifras indican un aumento do recurso ás contratacións "a dedo" por parte da Administración galega a respecto do ano anterior, 2021. Naquel exercicio a porcentaxe de contratacións a través de negociados sen publicidade ou contratos menores representara ao redor de 37% do total, supoñendo algo máis de 900 millóns de euros.

Comentarios