[VÍDEO] "Teño desde hai tres días unha dor de cabeza contínua": as trabas das persoas xordas na sanidade

O BNG logra un novo acordo unánime do Parlamento para instar a Xunta a dispor de intérpretes de lingua de signos nos centros sanitarios do país.
photo_camera Mercedes Queixas, deputada do BNG, esta quinta feira no Parlamento.

"Ola, boa tarde. Teño desde hai tres días unha dor de cabeza contínua". Esta foi a mensaxe coa que a deputada do BNG Mercedes Queixas iniciou esta quinta feira a súa intervención no Parlamento galego... Mais non por medio da súa voz, senón a través da linguaxe de signos.

Acto seguido, Queixas dirixiuse ás súas compañeiras e compañeiros de formación e mais a representación na sala de PSdeG e PP cunha sinxela pregunta: "Foron capaces de comprender o que eu lles quixen retransmitir? Non, verdade?".

Fíxoo para pór o foco nesta mesma situación que sofren as persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva cando se dirixen ao persoal sanitario, desde os centros de saúde até as urxencias hospitalarias, "en momentos nos que é tan importante transmitir unha situación de debilidade ou vulnerabilidade onde falla a saúde".

Queixas denunciou esta "discriminación" debido a que nos centros sanitarios do país non hai intérpretes en lingua de signos para permitir a estas persoas comunicarse cos profesionais médicos. Neste senso, lembrou que "o PP leva máis dun ano incumprindo o acordo unánime da Cámara para dotar a sanidade pública deste servizo".

"Non aceptamos que suman na frustración ás persoas xordas nin toleramos a indigna actuación de Sanidade", recriminou a deputada, ao tempo que criticou o "inescusábel atraso" da Consellaría de Sanidade a este respecto.

A comisión aprobou, a proposta do Bloque, unha nova moción unánime para instar a Xunta da Galiza a garantir a presenza de intérpretes nos centros de saúde. O acordo, porén, "non ten a mesma esperanza que o de hai tantos meses, despois deste incumprimento previo", lamentou Queixas.

"Queremos que se garantan os dereitos humanos fundamentais, un bo Goberno ten que ser corrector das desigualdades, non mantelas", incidiu a parlamentaria nacionalista.

Comentarios