O Parlamento reclama á Xunta o contrato do vídeo de Enrique Iglesias

Os grupos parlamentares apoiaron a proposición non de lei do BNG para que a Xunta faga público o acordo de gravación do vídeo polo que se pagaron máis de 300.000 euros ao cantante.

iglesias

O Parlamento galego quer que a Xunta de Núñez Feijóo faga público o contrato polo que pagou máis de 300.000 euros a Enrique Iglesias polo seu vídeo musical no que saen localizacións de Galiza. A proposición non de lei defendida por Ana Pontón en representación do BNG na Comisión de Industria logrou o apoio de todos os grupos. Mesmo o do PP, até agora refractario a esa petición.

Tras a aprobación da proposición non de lei nacionalista a Cámara galega reclamará á Xunta o contrato asinado coa produtora de Enrique Iglesias co obxecto de promocionar o turismo en Galiza.

Na súa intervención, Pontón argumentou a necesidade de coñecer ese contrato no “despilfarro” de cartos públicos e “agasallo económico” da Xunta ao “millonario de Miami”. Asemade, puxo en cuestión o retorno económico do investimento explicando que non existe “ningún informe” que xustifique tal suposto beneficio. O BNG afirma que o PP volve mentir cando afirma que as visitas acadan os 100 millóns [reférese ao número de visualizacións nas redes da obra videográfica subsidiada pola Xunta] cando en realidade dixo, “só foron 16 millóns de entradas” a un vídeo cantado en español e con escasa presenza de Galiza nas imaxes.

Comentarios