O Parlamento reanuda a súa actividade como parapeto do PP

O grupo maioritario da Cámara veta na primeira Xunta de Portavoces a comparecencia de Núñez Feijóo para dar conta da trama de financiamento ilegal do partido. @s populares rexeitaron tamén a creación dunha comisión de investigación polo accidente de Angrois

As populares empregaron a súa maioría absoluta para tombar a iniciativa presentada pola oposición. O PP evitou na primeira Xunta de portavoces que o presidente da Xunta teña que comparecer na Cámara para explicar o 'caso Bárcenas' e a xestión do accidente de Angrois --criticado polas equipas de emerxencias da Coruña e Santiago. Neste senso, o PP rexeitou a creación dunha comisión de investigación encamiñada a avaliar as responsabilidades políticas do accidente.

A volta das férias de verán non mudou o proceder d@s populares. O partido no goberno empregou esta terza feira a súa maioría absoluta para vetar a comparecencia do seu líder, Alberto Núñez Feijóo, no pleno parlamentar. Así o demandaron os grupos da oposición que instaron, máis unha vez ao presidente a dar explicacións en sesión ordinario a respeito do 'caso Bárcenas' e da actuación da súa equipa de goberno durante o accidente ferroviario do pasado 24 de xullo.

No entanto, @s deputad@s populares impediron que isto aconteza e finalmente o pleno que terá lugar a vindeira semana non contará coa comparecencia do presidente. 

A actitude do PP foi duramente criticada polos portavoces de BNG e PSdeG que denunciaron "o bloqueo"  para "evitar que o goberno dea explicacións", asegurou en comparecencia de imprensa o portavoz do Bloque Francisco Jorquera. 

Pola súa banda o voceiro d@s socialistas, Abel Losada, acusou a Feijóo de "dar a calada por resposta" ao tempo que criticou a gravidade da decisión "en termos de calidade democrática", salientou.

Comentarios