O Parlamento pide a reactivación das consultas presenciais na Atención Primaria

A deputada do BNG Montse Prado alcanzou o apoio de toda a Cámara para demandar a reactivación da atención prensencial nos centros de saúde. 
A deputada do BNG Montse Prado presentou a moción.
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado presentou a moción. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento galego pronunciouse esta terza feira, 10 de novembro, de maneira unánime a prol de que se reactiven as consultas médicas presenciais na Atención Primaria, logo de a Xunta ter xeneralizado a consulta telemática e de denunciárense dificultades para contactar por teléfono co centro de saúde dados os escasos recursos de medios e persoal.

A iniciativa aprobada, presentada pola deputada do BNG Montse Prado, pide "acabar coas listas de espera neste nivel asistencial", apostando polo persoal e as medidas de prevención para garantir "unha atención sanitaria digna á poboación".

Prado tamén logrou o acordo da Cámara para instar a Xunta a presentar de inmediato "un plan de continxencia co obxectivo de garantir a asistencia sanitaria na Atención Primaria e na hospitalaria" nos vindeiros meses ante o previsíbel aumento da presión asistencial derivada da Covid-19. 

Neste sentido, os grupos tamén apoiaron a iniciativa do Bloque no relativo á implantación de medidas para minimizar os riscos de contaxio do persoal sanitario facilitándolles equipos de protección axeitados. 

Estabilidade laboral

O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG para pedir á Xunta que garanta a estabilidade laboral na sanidade pública.

O portavoz de Sanidade do Partido Socialista, Julio Torrado, presentou esta iniciativa advertindo que o Sergas se ten convertido na “principal empresa de traballo temporal da Galiza” e situando a temporalidade en 30% e mesmo en 40% no caso da Enfermaría.

Torrado explicou que o Sergas ten hoxe 1.162 profesionais contratados menos en Atención Primaria que en 2009.

Comentarios