O Parlamento insta a Xunta a suministrar os tratamentos conta o VHC nas cadeas

Aprobou en sesión plenaria a PNL presentada pola Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C.

cárcere da lama
photo_camera Cárcere da Lama

Esta cuarta feira (27 de xaneiro) o pleno do Parlamento galego debateu e votou a Proposición Non de Lei presentada pola Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C referida ao suministro dos tratamentos de nova xeración entre a poboación reclusa. A iniciativa foi presentada e defendida pola deputada do BNG, Montse Prado. 

Como xa avanzou Sermos Galiza, o Sergas non está a garantir o acceso a estas medicacións farmacolóxicas e Institucións Penitenciarias obriga os reclusos a se deslocar a penais madrileños --durante períodos de entre 12 e 24 meses-- para seren tratados. Porén, cando lle foi requerida información á Consellaría de Sanidade a instancias da Valedora do Pobo para coñecer a situación que atinxe a poboación encarcerada nos penais da Galiza a respeito desta enfermidade, o goberno galego non se pronunciou nunha demora que se prolonga desde setembro de 2015, malia a obriga legal que o suxeita. 

Neste senso, para a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C foi unha sorpresa que o Partido Popular dese o seu voto favorábel á iniciativa no que coidan “unha aparente rectificación do Partido Popular de Galiza nas súas actitudes fronte ao colectivo de afectados e abre a porta á esperanza de que esa rectificación sexa real e se materialice no futuro”, sinalou o portavoz do colectivo, Quique Costas. E é que o Partido Popular rexeitou esta proposta en reiteradas ocasións na Comisión de Sanidade. 

O Parlamento instou en maio de 2015 a Xunta a reclamar as competencias de sanidade penitenciaria, mais o goberno galego aínda non cumpriu

A Proposición Non de Lei insta a Xunta a "a tomar as medidas necesarias para que, de acordo cos principios de preferencia de dereitos estabelecidos polo TSXG na súa sentenza de 20 de maio de 2015, o SERGAS proceda a dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a Hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos para as que están establecidos estes tratamentos no Plan Nacional para a Abordaxe da Hepatite C". 

Aliás, a Cámara lexislativa urxe o estabelecemento dun "sistema coordenado entre o SERGAS e a Dirección General de Instituciones Penitenciarias que permita a aplicación efectiva e máis eficaz" do devandito plan. 

Destarte, cumpre lembrar que o Parlamento xa instou a Xunta a reclamar as competencias de sanidade penitenciaria, actualmente en mans do Ministerio de Interior através de Institucións Penitenciarias, nunha iniciativa aprobada por unanimidade. Porén, esta aínda non se fixo efectiva. 
 

Comentarios