O Parlamento insta a Xunta a reclamar a trasferencia da sanidade penitenciaria ao Sergas

A iniciativa foi defendida por Chelo Martínez (Grupo Mixto) e apoiada polas forzas con representación parlamentar.

Diario Digital

A Cámara lexislativa galega aprobou, por unanimidade, esta cuarta feira (6 de maio) unha proposición non de lei pola que se insta a Xunta a solicitar a transferencia das competencias en materia de saúde penitenciaria ao Sergas. Esta medida apóiase no estabalecido na Lei 16/2003 de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde que na súa disposición adicional terceira fixa a obrigatoriedade de que este servizo sexa xerido polos territorios. 

A proposición demanda aliás a dotación dos medios económicos e materiais necesarios para "atender a suficiencia dinámica" que exixa a prestación do servizo dentro das cadeas, así como, incorporar a poboación reclusa ao Plan estratéxico de abordaxe da Hepatite C. 

Embora aprobarse hai unha ducia de anos non foi até hoxe que o Parlamento demandou ao goberno galego a asunción das súas competencias en aras de mellorar a calidade da atención sanitaria nos centros penitenciarios galegos. Neste senso, a deputada do Grupo Mixto, Chelo Martínez, quen defendeu a iniciativa, subliñou o "obxectivo constitucional" da prestación deste servizo en aras de "prever e rachar a cadea de transmisión de múltiples doenzas" e de desenvolver unha "estrita e necesaria supervisión dos tratamentos dalgunhas outras". 

Aliás, Martínez acrecentou que a xestión da atención sanitaria penitenciaria por parte da administración galega debera visar a "prevención e erradicación da tortura" nas cadeas. 

"Desde hai tempo asistimos a denuncias relacionadas coas condicións de vida e torturas nas cárceres galegas"

"Torturas" e "condicións insalubres" nas prisións

A deputada do Grupo Mixto sinalou a este respeito que "os suicidios son a terceira causa de morte" nas prisións do Estado español un feito que desde a Organización Mundial da Saúde, subliñou, atribúe "á ruptura de relacións e illamentos sociais" como os que atinxen a poboación reclusa. "Desde hai tempo asistimos a denuncias relacionadas coas condicións de vida e torturas nas cárceres galegas" perante as que o Parlamento, dixo, "solicitou a Institucións Penitenciarias" visitar as cadeas de Teixeiro e A Lama á fin de verificar as "condicións de vida" das persoas internas. Unha solicitude que foi denegada ao asegurar que é competencia estatal e non territorial. "Queda patente o concepto colonial que o estado ten de Galiza", sentenciou Martínez, "mais Galiza pode e debe empregar as súas competencias". 

Chelo Martínez, lembrou na súa intervención diversos casos entre eles o de Eugenio un preso da Lama ao que, entre outros castigos, se lle tivo imposto o réxime de illamento durante 20 días "por dar un golpe na porta da cela". Medidas "tan desproporcionadas", dixo, que "o único efecto que teñen é converter o preso nun alienado ou nun rebelde". "Unha persoa normal non pode vivir 20 días estando só e illado", denunciou. 

Denuncias de "malnutrición", "abuso de poder", "torturas", "condicións insalubres" repítense, sinalou, nas cadeas galegas. Un feito que ten sido denunciado por diversas organizacións de defensa dos dereitos fundamentais como Esculca, Cárcel=Torutura ou Avogados Novos, entre outras. 

Comentarios