O Parlamento de Galiza rexeita o bloqueo de EUA a Cuba

Todos os grupos da Cámara deron o seu apoio á iniciativa da Asociación Cubana Galega Haydee Santamaría, que afirma que é a primeira declaración dun parlamento europeo nesta liña.

parlamento de galiza
photo_camera parlamento de galiza

O Parlamento de Galiza rexeita por unanimidade o bloqueo de Estados Unidos a Cuba. Unha oposición que se plasma nunha resolución parlamentar que foi lida nesta cuarta feira na Cámara galega e que ten a súa orixe nunha iniciativa impulsada pola Asociación Cubana Galega Haydee Santamaría. “Conta co apoio de todos os grupos parlamentarios converténdose na primeira declaración dun parlamento europeo neste sentido”, afirman.

O texto da resolución:

“O Parlamento de Galicia celebra a reanudación das relacións diplomáticas entre o Estados Unidos de América e a República de Cuba.

A última resolución deste ano, a 69/5 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, titulada “Necesidade de por fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba” concluíu con 191 países a favor da resolución, e dous en contra: Estados Unidos e Israel, sen ningunha abstención.

Esta é unha expresión contundente de que todos os gobernos e pobos do mundo lle solicitan que se levante o inhumano embargo a este país.

Os últimos acontecementos políticos, coa visita do presidente de EEUU de América a Cuba deixan espazo para a esperanza no camiño de conseguir un mundo libre de guerras, no que a paz, a fraternidade, a solidariedade e a liberdade rexa a relación entre os pobos.”

Durante a sección parlamentaria estiveron presentes na Cámara convidados do movemento de solidariedade con Cuba, dirixentes políticos e sociais e o Cónsul Xeral da República de Cuba en Galicia, José Antonio Solana Fernández

Comentarios