O Parlamento de Galiza pedirá por terceira vez a transferencia da AP9 a Galiza

Apoio unánime a unha iniciativa do BNG.

Non ha dous sen tres. Iso debeu cavilar o Parlamento galego que pedirá por terceira vez o traspaso da AP9 a Galiza. A proposición non de lei presentada polo BNG con esta demanda tivo o apoio de todas as outras forzas (PP, En Marea e PSdeG). Após a sentenza do Tribunal Constitucional que rexeitaba o argumentario do goberno español para vetar o debate de iniciativas coma esta, os nacionalistas volveron pedir a transferencia, conscientes de que desta vez o escenario é máis positivo para a demanda. “Esperamos que a terceira sexa a vencida”, salientou a portavoz nacionalista Ana Pontón quen salientou a importancia  por seguir mantendo unha posición de país sobre un asunto clave para Galiza. “É importante que esta iniciativa vaia co aval de todo o Parlamento e que cando se debata en Madrid vaiamos en nome de Galiza a reclamar algo que outros xa conseguiron, porque non podemos esquecer que vascos e cataláns xestionan desde hai décadas autoestradas similares. Se o Estado transferiu autoestradas a Euskadi e Cataluña, por que Galiza ten que ser menos?”, interpelou Pontón.

Tanto PP como PSdeG xa anunciaron que ían introducir emendas no texto presentado polo BNG para que se reflica o ‘consenso’ e con el chegar a Madrid. A vontade de acadar un consenso neste tema  é común ás catro forzas con representación na Cámara galega.

Os atascos e retencións desta fin de semana na ponte de Rande serviron como argumento a forzas como BNG ou En Marea para reiterar a defenda da necesidade do traspaso dunha infraestrutura viaria fulcral para Galiza tanto a nivel social, como económico como de vertebración do territorio.

As anteriores dúas peticións do Parlamento galego foron vetadas, así como tamén o foi a presentada polo grupo En Marea no Congreso español.

Comentarios