O Parlamento galego reivindica o seu papel central na vida galega no seu 40 aniversario

O presidente da Cámara sostén que “a democracia e o autogoberno sentaron moi ben á Galiza e á súa xente”. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, enxalza o Estatuto e a Constitución, mentres que Ana Pontón (BNG) defende un novo status de nación cara á Galiza soberana que ambicionaba a xeración de Castelao para facer realidade unha “Galiza en grande”. Gonzalo Caballero (PSdeG) avoga por actualizar o Estatuto. 

O Parlamento conmemora os seus 40 anos (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O Parlamento conmemora os seus 40 anos (Foto: Parlamento da Galiza)

O Parlamento da Galiza celebrou este domingo, 19 de decembro, unha sesión solemne conmemorativa do seu 40 aniversario que contou coas intervencións das e dos portavoces dos tres grupos parlamentarios (PP, BNG e PSdeG) e dos presidentes da Xunta e da Cámara. 

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices Vieira, recordou que a 19 de decembro de 1981, cando decorreu, no Pazo de Xelmírez a primeira sesión constitutiva da institución, “todo estaba por facer e case nada se daba por sentado”. Reivindicou o éxito da transición “culminada con éxito por persoas valentes sobre a base do diálogo, a tolerancia e as renuncias persoais”, un proceso que "conduciu a España, e con ela a Galiza", dixo, “ao selecto club dos países avanzados, e dotounos dun estado de benestar que para si quixeran noutras latitudes, algunhas ben próximas”. 

Botando a vista atrás, Santalices concluíu que “o tempo transcorrido acredita o acerto daquela aposta” na medida en que “a democracia e o autogoberno sentaron moi ben á Galiza e á súa xente, en todos os ámbitos”. 

O acto contou coa actuación musical de Xabier Díaz, desde o Pazo de Xelmírez, e da Real Filharmonía da Galiza desde o Pazo de Fonseca, como lembranza das dúas primeiras sedes provisionais da Cámara. A terceira das actuacións, no vestíbulo do Parlamento, correu a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que celebra o seu 100 aniversario. O acto rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo de Uxía Senlle, acompañada por un coro de nenas e nenos do CEIP Petelos (Mos). 

Feixoo enxalza o Estatuto e a Constitución 

No acto, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, referiuse ao Parlamento como unha caixa de resonancia, lugar de encontro ou canle para que as discrepancias discorran dun modo racional que permite avanzar na obrigación de escoitar, pero tamén como ese "espello en que o pobo galego se recoñece".  

Afirmou que esta institución chegou “da man do Estatuto de Autonomía fillo da Constitución española, consecuencia de procesos democráticos que eluden a confrontación e buscan o consenso". "Ante este logro singular, reclamarse autonomista é facer xustiza a un proceso exemplar e a unha realidade modélica", aseverou. 

O BNG reclama poder político para a Galiza 

Na súa intervención, a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou para reivindicar máis poder político e novas ferramentas para dar solucións á Galiza do século  XXI. 

Pontón sostivo que a celebración do 40 aniversario do Parlamento "non pode ser mera liturxia, nin gradilocuencia baleira de contido", senón que debe de ser "o centro da vida política" e a caixa de resonancia "dos problemas reais" da xente. Por iso, dixo, “esta Cámara ten que ser o centro da vida política e equivócanse aqueles que intentan amordazar o Parlamento, os que intentan convertelo nunha casca baleira a base de propaganda, crispación ou deturpando o debate. O único que conseguen é debilitar a democracia e afastar cada vez máis a cidadanía das súas institución. Son estratexias moi perigosas sempre, pero moito máis nun momento no que sopran ventos de intolerancia, de ruído e de furia. O BNG seguirá co seu empeño", dixo, "de converter o Parlamento nun lugar de debate, de diálogo de ideas e caixa de resonancia dos problemas reais dos galegos e das galegas”.  

"40 anos despois estamos moi lonxe da Galiza soberana que soñou a xeración de Castelao", afirmou Pontón, para chamar a atención sobre un feito: "nin sequera se cumpre o Estatuto e levamos 12 anos coas transferencias en dique seco. Ningún galeguista de corazón consentiría este agravio. Hai que pasar das declaracións á acción”. 

Por iso defendeu "máis poder político para a Galiza, que se cumpra o Estatuto e avanzar un novo status de nación. Decidir aquí sobre o noso, iso é a soberanía, ferramentas para mellora a vida das galegas e dos galegos”, sentenciou. 

Pontón rematou citando Castelao: “O verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. Por iso, dixo, “imos seguir soñando, ninguén nos vai roubar o dereito a soñar, pero sobre todo, imos seguir traballando para facer realidade ese soño dunha Galiza sen límites, dunha Galiza en grande”. 

O PSdeG reivindica a reforma do Estatuto 

Pola súa banda, o portavoz do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, aproveitou para soster que, "lonxe da autocompracencia", é necesario "afrontar os retos de futuro". 

Así, consciente de que non se pode caer no conformismo e estar "a se mirar no espello dicindo que todo vai ben", fixo un chamamento a que, a medida que pasen os momentos máis duros da pandemia", se actualice o Estatuto, o fundamento sobre o que se basea a Cámara galega.  

Neste obxectivo e como piar fundamental, avogou por elaborar unha Carta de Cidadanía coa que "este Parlamento poida traballar para blindar e dar novos dereitos aos galegos e ás galegas". "Esa reforma", sinalou, "é algo que está pendente e que haberá que abordar antes ou despois". 

"Queremos unha Galiza mellor e, para iso, necesitamos un Parlamento mellor, unha autonomía mellor e a mellor vocación de servizo público", argumentou Caballero, que apelou aos presentes para pórense "deberes de  autoexigencia" para traballar polo futuro desde a Cámara galega e nunha "España plural, federal e constitucional".

Comentarios