O Parlamento galego pide, en plena ofensiva sobre Gaza, respecto “absoluto”para os “dereitos humanos e colectivos” do pobo palestino

Nunha declaración institucional, reclámase da comunidade internacional que esixa a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas.

Pleno do Parlamento galego
photo_camera Pleno do Parlamento galego

O Parlamento galego, polo acordo por unanimidade das forzas nel representadas, reclama da comunidade internacional que esixa a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e o respecto absoluto dos dereitos humanos e colectivos do pobo palestino.

Así figura na declaración institucional lida esta cuarta feira polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, e que contempla tamén o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás casas e terras de que foron expulsadas.

Unha declaración co gallo de que o 15 de maio é a data na que se lembra o Día da Nakba Palestina, a data na que o pobo tivo que deixar as súas terras pola ocupación de Israel, e que se produce en plena ofensiva de Israel sobre Gaza.

Unha declaración co gallo de que o 15 de maio é a data na que se lembra o Día da Nakba Palestina, a data na que o pobo tivo que deixar as súas terras pola ocupación de Israel, e que se produce en plena ofensiva de Israel sobre Gaza

“Manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana”, sinálase nun dos distintos puntos do documento no que tamén se explicita un compromiso activo por parte do Parlamento á hora de non escatimar  “esforzos en contribuír desde Galiza a construír unha rede internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito”.

Os aplausos dos deputados e deputadas presentes ratificaron a lectura da declaración.

Unha declaración similar da Cámara galega en 2014 motivou a protesta enérxica do embaixador israelita, que dixo que o Parlamento galego favorecía "a desaparición de Israel''

Comentarios